Pedras

img_42609

Foto: avilared.com

O outro día, agardando polo filme do Oeste dos mediodías da 2, estiven mirando un pequeno documental sobre o pintor Agustín Ibarrola. A súa obra é ben máis ampla, pero nel soamente falaban dos penedos que foi pintar a certo bosque. Un deles podédelo ver aí enriba. Eu, en materia de arte, son desa clase de xente á que lle prestan os cuadros de Hopper, así que seguramente non poida formular unha opinión seria sobre o asunto. Si podo dicir que o primeiro que imaxinei ó ver tal foi un lagarto intoxicado a forza de lamber pintura.

Aquelas imaxes de bosques sen traza de existencia humana zarrapicados de colorante artificial fixéronme lembrar da vez, estando eu na EXB, nunha clase de Plástica, que pintei con témperas un croio branco dos que hai nos leitos dos ríos. Poida que o teña contado antes. Pinteino cun estilo que lembraba un pouco ó de Rothko, polo pouco nidio do trazo (imaxino que intencionado no caso do artista) e un moito ó deste Ibarrola grafiteiro campestre, polo colorido algo atrapallado. Un compañeiro mirou para a pedra e dixo, con desdén de clase obreira, por aquilo do pensamento utilitarista, que parecía unha pedra do camiño. Por moito que daquela non se me ocorreu rebater a súa afirmación, que non razoamento, é doado de ver para calquera que ben poucas pedras do camiño hai con semellante aspecto. Non sei se vos pasa que batedes coa réplica axeitada media hora ou vinte e moitos anos máis tarde. A min, moito.

Agora a idea era outra. A imaxe era diferente. Por un momento, vínme a min mesmo coma un grafiteiro campestre de sona, como mínimo, peninsular, a ser posible sen txapela nin falar enfático. Pódevos soar a coña, pero non coido andar moi trabucado se aventuro que a base de moitas carreiras artísticas foi algo tan feble en aparencia coma un ollo alleo favorable no momento oportuno. Non me fagades moito caso, tampouco. Nestes días nos que, talvez, un repara máis no efémero da súa condición vital, do mesmo xeito repara tamén no efémero da fortuna do artista.

Por descontado, a imaxe fíxome rir caladamente.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s