O que renxe

atomic-bomb-2026117_1280

Ocórreme moito que o que é popular e recibe unha resposta unánime moi positiva non adoita impresionarme tanto coma a esa masa supostamente sabia. Tíñanme recomendado varias veces a serie Chernobyl, que pasa por ser unha reconstrución máis ou menos fiel da hecatombe acontecida na central nuclear de tal cidade no 1986, a súa orixe e as súas consecuencias. Chernobyl era soviética daquela, mais a serie é unha coprodución USA-Reino Unido; nada que nos sorprenda. Como ultimamente o tempo non pasa tan axiña coma antes (ando eu coma certa ministra do Goberno central: non sei en que día vivo, literalmente, e só atino a saber que é luns cando teño que escribir aquí), decidín darlle unha xeira.

Os responsables fixeron un traballo espléndido no tocante á ambientación e ó elenco, e imaxino que á documentación tamén. Se se considera como produto para consumo masivo sen elevada esixencia artística, a súa sona axústase á realidade. Unha ensinanza que dela se pode tirar é que o intento dunha planificación complexa por parte dun ser humano ou, peor aínda, dun conxunto deles, está destinado ó fracaso pola mesma imperfección humana.

Á marxe diso, interesoume a construción dos tres personaxes chave na subtrama principal: o doutor Legasov, o vicepresidente Scherbina e maila doutora Khomyuk. Ignorando a dramatización dos seus ditos e actos, natural nunha ficción televisiva, examinei en particular os seus condicionamentos. Os dous primeiros resultan verosímiles: Scherbina era ó comezo moi reticente a intervir e Legasov facía o papel de científico que deixa caer o resultado das súas análises sen moita esperanza de que a maquinaria gobernamental lle vaia prestar atención. Os dous teñen en común, como é evidente xa de primeiras no político e será revelado no caso do doutor ó final, o medo. Saben que existe unha obriga moral, como saben que os seus cargos e mesmo os seus seres queridos e as súas propias vidas estarían en risco se cumpriran con ela. Temen a expulsión, a persecución e o fusilamento. Malia seren conscientes de que, logo da súa estadía na central, a radiactividade os matará en poucos anos, non se queren veren privados dese tempo.

Máis me renxeu  xa de entrada o terceiro personaxe. A doutora Khomyuk é unha especie de voz a aguilloar as consciencias culpables de Legasov e Scherbina: o 90 por 100 dos seus diálogos son un discurso sobre a necesidade de que o mundo saiba a verdade por enriba de calquera carreira política ou profesional e aínda da fidelidade ó Partido. Digo que me renxeu non por esta épica previsible, senón pola diferencia máis significativa entre o seu comportamento e os dous outros dous. Non aparenta comprender as consecuencias dos seus actos ou, cando menos, amósase indiferente a aquelas. Non aparenta humanidade, pois. Mentres calquera na súa situación, lonxe de heroísmos de cinema, botaría contas da súa insignificancia real, do que sucedería o día despois da fazaña, do que supoñería que o KGB lle secuestrara ou matara os pais ou o home ou os fillos ou os amigos, ou a puxeran contra un valado perante un pelotón armado, ou lle caera unha cadea perpetua, do que serían perdas irreparables, en fin, Khomyuk diríase que baixou dunha nave espacial hai un cuarto de hora coma un ser programado para unha misión de tipo moral e que, unha vez cumprida, subirá de novo na nave e poñerá rumbo á galaxia da que procede. Renxeume e con razón, pois o personaxe resultou ser ficticio. Ulana Khomyuk, segundo os créditos finais, sería unha encarnación da vontade da parte da comunidade científica soviética oposta ó negacionismo dun Kremlin temeroso da decadencia simbólica a ollos internacionais, cativo do orgullo nacional.

Se cadra pesa a miña xeración, que foi a do sabor ó plástico e a do grunge e a de Jesús Gil en porrancho nunha piscina canda unhas modelos en biquini de talle alto, mais nunca acabo de dar creto a quen amosa un desprezo completo pola propia existencia na defensa dunha causa, por loable que sexa. Ese altruismo imprudente, mesmo, por contraditorio que pareza, insensible. Sempre penso que esta xente debe dar gracias por que algo estoupara en Chernobyl aquel día.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s