O que nos pasa por diante

 

A foto é desta mesma mañá, tirada con présas; en cidades pequenas todo é receo perante os actos máis habituais no resto do mundo, por iso non me parei moito. Chamoume a atención a suciedade que cobre o metal. O sinal está aínda máis emporcado visto en vivo do que se ve na imaxe. Malia iso, distinguiredes ben esa faixa de cotra na metade inferior. Seguramente sexa po do asfalto e charrizo de tubo de escape ó cincuenta por cento. Ese sinal viu anos de urxencias, moi urxentes e non tan urxentes, e de moitos pés no acelerador sen destino certo.

Afirma certa noticia que a redución do tránsito rodado por mor do estado de alarma evitou milleiros de casos de asma infantil, millóns de xornadas de absentismo laboral e unhas 1.000 mortes o mes pasado nunha España unicamente preocupada por un virus que, segundo as teorías máis aceptadas, saíu dun morcego máis estresado do común e segundo os amigos dos podcasts e canles de Youtube insistentes na conspiración perpetua e onmipresente, dun laboratorio chinés. En total, son unhas 10.000 mortes anuais por polución ambiental, polo menos, das que se sabe. Exemplos hai moitos máis, cada día, cada mes, cada ano, perante a indiferencia xeral. Diríase que moitos teñen necesidade de partes informativos e seguimentos ó minuto de mortos para tomaren consciencia dun feito. Non será porque o ignoraran. É talvez porque non se atreven a pensar o que ninguén máis dá impresión de pensar. Mesmo os perigos, con independencia da súa gravidade real, han de ser hoxe populares, virais. Por contra, perde tanta xente o 95 por cen do que lle pasa por diante dos nefres. Aquilo do que non fala todo o mundo non existe, ou é demasiado distante coma para que deba preocupar.

Ese sinal tan emporcado sabe moito da vida? O sinal non sabe nada porque carece de miolos. Delito si que o teñen os que pasaron por diante del sen reducir a marcha, os que, igual daquela o mesmo ca hoxe, só tiñan miolos para o outro 5 por cen de cousas.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s