Cando fala o Demo

shield-6130_960_720

Anda a xente alporizada coas manifestacións da parte de Madrid con servizo doméstico, apoiadas pola parte de España que quere chegar a ter servizo doméstico. Áchanas inmorais, e sono. Porén, o máis destacable do visto, para min, é a súa torpeza organizativa. Calquera sabe que o último que se debe facer nun país empobrecido e desigual para resultar popular é botarse ás rúas guiando un Jaguar con fasquía de acabar de saír do club de campo. Todo me tiña traza de ocorrencia de El Jueves. É unha sensación que xa non me abandona cando penso neste carallo de mundo: non sería o esperpento menor se o fixeran a propósito.

Talvez a razón maior pola que, como moitos andan a lembrar con insistencia e queixa estes días, na Alemaña se prohibe a exaltación do Terceiro Reich non sexa outra ca un profundo pesimismo. Polo menos para min, que son un profundísimo pesimista, ou coidaba selo. Tamén se dicía que, hai arredor dun século, a esquerda española era reacia a que se outorgara á muller o dereito ó voto, temendo que o clero acabara sendo o organismo consultor do electorado feminino (como probablemente acabou sendo en máis dun caso). Na actualidade, a insistencia coa que se esixe que se lle retire á ultradereita o dereito á liberdade de expresión indica, ademais dunha identificación inconsciente entre palabras e feitos, coma se foran o mesmo, ese mesmo temor. A masa podería moi ben acabar seducida por quen predica solucións simples a problemas complexos e coitelo polo gañote contra quen os mire mal. Non sería a primeira vez, e é sabido como acabou a arroutada. Se é que é tal arroutada, e aquí é onde Lucifer entra no escenario e se para no mesmo centro do círculo de luz do foco e di, con esa elegancia coñona que se lle atribúe na ficción: se é, di, que tal arroutada non é máis que a expresión do desexo orixinal. Se cadra é o que lles pide, máis que a alma, o instinto. Habería que cavilar niso.

Eu non mudei de opinión. Ó que son reacio é a tapar a boca de ninguén, por ridículo ou insultante que xulgue o que dela estea a abrollar; se quixera facer tal, tería que silenciar a máis de media humanidade. Outro conto sería se da ameaza se intentara pasar á consumación. A Historia, por moito que a demasiada xente non lle alcance, mesmo a profesores universitarios que aínda non ingresaron na terceira idade e xa predican no ton guai-condescendente de quen pode dicir lévame, Morte, que xa vin as xogadas todas de todas as partidas posibles, deixou demostrado o moi variable da óptica humana co paso do tempo e o cambio das circunstancias. Xa aconteceu que un día algo era palabra do Señor e dous despois era blasfemia, e á inversa. Non vaia ser o que falou no parágrafo anterior que hoxe queiramos prohibir e mañá nos prohiban.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s