Valerse só

Foto: Volker Glätsch

Co gallo do recente 90 aniversario de Clint Eastwood, linlle nalgures unha súa reflexión sobre o moito que gustaba dos westerns. Dicía que era porque evocaban un tempo no que un home podía valerse só, algo case imposible no presente.

Coido que comprendo a Eastwood. Mirade eses pais xa tirando a vellos, pensionistas moitos deles, que aínda terán os fillos de 30 ou 40 anos vivindo na casa. Pais que lle imitarán un pouco a Clint Eastwood e todo. Verán os fillos almorzando sen afeitar e pensarán cousas que non materializarán en palabras porque xa o fixeron outras veces sen resultado útil, coma que os seus fillos deberan telo todo máis doado do que eles mesmos o tiveron. Moita xente da idade de Eastwood coida realmente que así é. Que o mundo sempre foi un sitio máis hostil para a vida do humano moderno antes.

Eu, porén, o que vexo cada día é un mundo no que é a cada paso máis difícil a iniciativa propia. Un mundo cada vez máis regulamentado, onde afoga un entre requerimientos e condicións, onde de cada acción é preciso dar conta, e cada decisión depende da aprobación allea, todo por medio de procedementos con frecuencia ensarillados e absurdos, diría que máis aínda agora que todo está informatizado. Contrariamente ó que algúns aínda predican, e “predicar” é mesmo a palabra xusta, non abonda con querer, nin sequera con poder.

Por descontado, non podemos dar por verosímiles os filmes. Por exemplo, en O bo, o feo e o malo, de trasladar á realidade o xeito pouco ortodoxo de xerar ingresos do Louro, sería moi improbable que non acabara perseguido pola xustiza igual ca Tuco en pouco tempo. Lembraredes que o Louro entregaba a Tuco, un falcatrueiro cunha rea de delitos de varios quilómetros, a un sheriff, cobraba a recompensa, e cando ían aforcar a Tuco, liberábao a cara descuberta, sen a menor discreción e fuxían a escape, para repetir o proceso noutra vila, e logo noutra, e noutra. Non. Arte e realidade, pouca relación. Mais o que si é moi certo é que, hoxe, alguén que pretenda levar unha existencia tan libre de ataduras de toda caste coma as que adoitaban levar os pistoleiros, estaría á porta do banco de alimentos, que non do de cobrar, á semana seguinte de prender a pistoleira no cinto. É un dicir: falo de vivir dentro da lei. Na vida real, lin o outro día do caso dunha muller á que lle esixiron o carné, a nómina e o informe de vida laboral só para deixarlle visitar un piso de alugueiro. Nun filme do Oeste, teríalle abondado con tirar da alforxa un atado de dólares e amosalos en silencio.

Non é que desprecemos as comodidades do presente, quen poida gozar delas, iso tamén, nin nos vaiamos poñer en plan anarco esixindo a desaparición dos Estados, pero algunha vez estraña un a vila de El Paso no mil oitocentos e pico. Poder atar o cabalo en calquera sitio coa tranquilidade de non ter que pagar imposto de circulación, e de que non existen os parquímetros.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s