O sol desde a cela

Foto: Bronisław Dróżka

Non lembro se foi Groucho Marx o que dixo que, para facer bo do panorama teatral do seu país, antes habería que desterrar os críticos durante dez anos. Os críticos son esa xente que adoita indicar o lugar común nunha obra artística como indicaría un tarrelo nun xardín ornamental. Con todo, remataron por seren eles mesmos un lugar común. Son os personaxes dunha de Woody Allen que nunca teñen gracia, os eternos amargados ou (segundo certas opinións) impotentes, pois seica critican o que non poden crear.

Se ben recoñezo que a algúns barra as (non poucos barra as) que exerceron de tales en xurados de certames literarios os mandaría en pleno agosto verter piche polos Monegros adiante vestidos de cazadores de focas, non comparto esa visión, por superficial: é ficar co personaxe e obviar a persoa. Debo ser das non moitas que ven un ser humano por tras da sinatura de Carlos Boyero, por poñerlle. E vexo un ser humano eternamente infeliz. Talvez sexa idealizada, pero a súa figura é para min a da incapacidade de desconexión. Un crítico debe selo as 24 horas dos 365 días. A soa idea estarrece.

Tamén pode ser que estou a reflexionar desde a miña singularidade, eu, que me prestan moitos filmes estúpidos dos anos oitenta de acción e artes marciais. Eles, os críticos “24/7”, no meu sitio, estarían engurrando o fociño ós tres minutos de metraxe. “Estereotipos, trama naif, violencia gratuíta, final de chiste…”, tal sería o seu reconto mental irritado. Se lesen, como leo eu, novelas cheas de personaxes arquetípicos e estruturas anárquicas, ritmo irregular e escenas inverosímiles, e porén divertidísimas ou excitantes da imaxinación, non pasarían da páxina 20, coma Aznar lendo Cien años de soledad. Terían que refrear os impulsos máis profundos para non ir por un rotulador de tinta vermella. Chuck Norris non é unha actriz de dramas uzbecos e o Vian negro non é unha escritora e activista centroafricana de parágrafos longos e fermosos, aptos para citar.

Non é coña ningunha. Vivir así é catar o sol desde a fiestra da cela. Require unha forza de vontade, ou non sei se a invención e mantemento dun universo propio moi alleo ó presente, da que non son quen. Teño sido algo semellante a un “recensionista” por veces. Crítico, nunca. Nas profundidades da escala de clases, e sendo escritor, e en galego en exclusiva ata non hai moito, para facer o pan aínda máis duro, xa acadei o meu límite de sufrimento.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s