Tránsito das inutilidades

cactus-1453793_1280

A Thom Yorke, o cantante de Radiohead, veulle a idea que deu lugar á canción Paranoid Android unha noite nun bar de Los Angeles, examinando o comportamento dun fato de fulanos pasados de cocaína ata a raíz do cabelo. A inspiración acode ó artista, din algúns artistas, nos momentos máis críticos e, polo que se ve, e eu mesmo podo dar fe do dito, non sempre no lugar máis agradable. A canción, coma o álbum no que sería incluída, OK Computer, sabe á canseira de cando a televisión emite todos os días o mesmo episodio da mesma serie.

Coñezo ben a sensación. Polo común, nótoa coma quen nota unha picada sen importancia nun cóbado. Nestes días vira nunha desas dores que che escarallan a postura, esas que che veñen cando os anos son moitos e levaches demasiados tantarantáns. É a canseira, sempre: o fastío profundo. A molestia de asistir ó entusiasmo alleo cara unha idea ou unha tarefa que un sabe perfectamente inútil falando as verdades, coa impotencia engadida de non ser quen de llelo facer ver ós entusiasmados. É tempo de pandemia e de campaña electoral. Do paisano histérico porque hai inconscientes a milleiros que fan coma que fuman para non teren que poñer a máscara, xúntanse de doce en doce nos bares, néganse a se someter a unha PCR por se dá positiva e lles fode as vacacións e nas praias arremuíñanse lonxe das zonas delimitadas; e do paisano que escruta con lente de aumento cada aceno e cada palabra de cada político no debate electoral televisado e aproveita para dar el mesmo a súa aportación, case sempre valéndose das redes e sempre repetitiva ata a saturación, á campaña do seu candidato.

E sucede que un e outro guíanse por paixóns destinadas a non daren froito. Coa pandemia apenas iniciada, escribira eu que era unha cuestión de tempo que nos tiveramos que afacer a vivir co bicho: tiña na cabeza a moi probable reacción fronte ás demandas propias dunha situación de restrición de certas liberdades en favor do ben común dunha sociedade que se coida con dereito a afumarlle a casa ó veciño ó prender unha fogueira no xardín para asar as troitas no San Xoán porque é a súa terra, ten a escritura e ninguén lle di o que pode ou non pode facer nela. A inutilidade dos debates electorais é, penso, máis notoria aínda: non vexo prudente que ninguén cun mínimo de sensatez decida o seu voto en función dunha sorte de espectáculo dirixido por tras dos focos por unha tropa de asesores de toda caste no que nin a cor da camisa do candidato é casual e no que, está comprobado, poucas promesas das feitas viraron realidade coa papeleta na urna; igual se pode dicir do esforzo das prédicas no ciberespazo que, como moito, só terán a aprobación de quen xa antes concordaba coa mensaxe. Para as desgracias humanas temos o prognóstico que ofrece a experiencia, e para a escolla dun gobernante, a perspicacia para lle aplicar esa lente de aumento cando se enfronta á realidade, quere dicirse, durante os outros 1459 días do mandato.

A ilusión desta xente lémbrame á dos cocainómanos daquel bar de L. A. que aquel británico miúdo de ollar asimétrico observaba con malestar crecente. O que resta dela o día seguinte é, en resumidas contas, a mesma cinza.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s