O voto da panadeira

Foto: Wolfgang Claussen

Estou a preguntarme a quen lle votaría a muller que me vende o molete do país seis días de sete da semana. Esta muller é da parte da Fonsagrada e fala galego (popular) con todo o mundo, agás con quen non o entende e con quen non parece do país. A min, por moito que lle falo en galego (popular), case sempre me contesta en castelán. Non me custa comprender por que. Debo terlle traza de estudoso da obra de Marx (Karl, aínda que eu sexa infinitamente máis de Groucho) ou, en todo caso, de chico fino coma Ana Pardo de Vera ou Míchel Salgado ou Javier Gutiérrez. Para ela, son un elemento alleo ó seu propio mundo. Formulado sen actitude, penso, pero son.

Non creo que se puidera agardar nada bo dun día electoral, estival e de pandemia todo ó tempo. Pésima mestura. Non me sorprendeu, pois, que todo siga pouco máis ou menos como estaba, que con frecuencia é o peor que pode acontecer. Non pensan así os votantes que deron 42 escanos ó partido que xa gobernaba. Moi ó contrario, o medo vai gañando forza no xuízo conforme o corpo envellece e todo canto abarca a vista se torna incomprensible ou ameazador (hanos pasar a todos, se chegamos aló). Nese punto, o medo faille as beiras ó costume, e dese momento glorioso na palleira nace o continuismo, ou o conformismo. Cando o camiño é inescrutable, vale máis subir no cabalo do salteador do que xa sabes con que man tira de navalla.

Non quedemos tampouco aí. Hai quen, perante as lamentacións de quen non deu posto no sillón unha presidenta que apenas ofertou máis nada ca unha campaña electoral ante todo emotiva, deixa caer que hai quen anda polas tabernas canda a xente común todo o ano, e hai quen só se achega para pedir o voto cada catro anos. É unha insinuación certeira e perigosa: para poder co teu adversario, a única saída é converterte nel. Segundo esta teoría, a ideoloxía é irrelevante. Se Ana Pontón ou Gómez Reino convidaran a augardente de herbas e botaran uns cantos na Taberna de Marcos unha ou dúas veces por semana, gañarían as eleccións. Simplona asunción. Penso.

Se cadra é só que, aparte de que o medo é libre, que o é, e moito, á xente por aquí lle preocupa máis o asfaltado dunha pista ca quen foi Alexandra Kollontai. Se cadra non hai maneira de que poida semellar campechano (o adxectivo está de actualidade rexia) quen, por moito que se conteña, acabará citando a filósofos onde o que se demanda é unha fórmula práctica para resolver un problema. Se cadra. Eu que sei.

Con todo, nunca chega a xente a botar man á escopeta contra o veciño, e iso gracias ós de sempre. Os de fóra, tan denostados cando veñen de turismo predador, son os únicos que logran o que semella imposible: que os que falan de pistas enlamadas e os que falan da Kollontai dean as mans contra eles. Abóndalles con chamarnos pailáns a todos (na cegueira propia) para que uns e outros, feridos no orgullo patrio, nefasto par de palabras, se boten a eles coma lobos. Aí é onde todo o que, mediante a consciencia da eiva, puidera supoñer unha mudanza no rumbo, unha certa esperanza, se esborralla no ar.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s