Butron e máis eu

speedometer-653246_1280Foto: Gerd Altmann

Ando algo intranquilo. Cada vez me parezo máis a Henri Butron, aquel personaxe de Manchette que quería ser escritor pola cor dos billetes. Non era vocacional, obviamente. Antes fora ladrón de coches, guionista de filmes eróticos (coma o autor), terrorista tipo kale borroka da ultradereita francesa en plan OAS e, por paradoxal que pareza, cómplice do brazo armado dun movemento esquerdista africano poscolonial no tráfico de armas. O de escritor ocorréuselle logo de que unha xornalista progre o entrevistara para veren de armar xuntos un artigo sobre as súas aventuras: estivera en prisión por emprendela a tiros coa policía, con mala puntería, cando o cacharon na cama coa filla da devandita xornalista. O fulano supuxo que con aquilo de darlle á tecla e ir vender o resultado ós burgueses das revistas parisinas podía facer cartos. Por descontado, ignoraba todo no tocante á escrita literaria e importáballe un carallo. Cando tomou a decisión, foi comprar unha máquina de escribir Hermès e andouse mirando polos espellos da casa para ver se tiña traza de escritor. Cando nas redaccións das revistas lle preguntaban o que “quixera expresar”, el perdía os tentos: “Eu non quería expresar nada, só quería cobrar!”. Sorprendíalle que a eles non lles entrara isto na chencha.

Por fortuna, coido que non acado o seu nivel de estupidez. Porén, compartimos esa sensación de que se nos acaba o tempo e xa non estamos para agardar con aceno zen durante todos os pasos do proceso. Na literatura e en todo, no meu caso. Vemos o tempo no que vivimos coma un tempo de transición, como o foron os anos finais de tantas civilizacións.  Hai pouco andaba a xente a voltas coa apocalipse maia. Entendíana coma a fin do mundo, cando en realidade os antigos maias víana máis coma un cambio de orde. Talvez non sexa moi diferente este 2020 da noite antes de que os bárbaros cruzaran o Danubio e se armara aquel rebumbio que rematou na Galicia sueva. Non sei. A decadencia témola diante mesmo dos ollos. Butron era un bárbaro agardando polos bárbaros. Falta por saber que bárbaros chegarán desta. Peores cós que xa están aquí non parece que vaian ser. O que non podemos facer é agardar para sempre ata que algo se mova da outra banda do río.

 

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s