O (non) soño dos luns

Cando a este 2020 non lle falta máis ca un intercambio de exhibicións de potencia nuclear entre dúas ídem adoecidas por causa do orgullo nacional, cando nada podía parecer menos distante do real do que o era xa un día calquera sen uso de máscara e esplendor conspiranoico, non vos enganedes: a loucura sempre pode ir en aumento.

O meu panadeiro dos luns, ese que será da miña idade, como moi vello, e que case nunca me di nada que non sexa o máis sabido: o prezo da barra, amosou predisposición á conversa. “E eu non te vería pola igrexa?” Expliqueille que hai 25 anos que non piso unha. A ver, estiven non hai moito na Capela da Madalena, na Arzúa, cando o Padroado do Pedrón de Ouro tivo a ocorrencia de me dar un premio. Quero dicir que levo ese tempo sen asistir a unha cerimonia relixiosa. E non as boto nada en falta, como non estraño as vodas, bautizos nin comuñóns, e menos aínda os enterros. Son un galego atípico para todo, témome. Nin a carne vermella toco, non vos digo máis.

Non lle dixen todo isto, claro. Aventurei que, vivindo non moi lonxe da igrexa, puido terme visto pasar por diante dela, nun itinerario meu moi gratificante, por sumar soidade e verde. Non, insistiu el. Xuraría terme visto servir de monaguillo. “Teño traza diso?”, quixen saber, verdadeiramente perplexo. Non tiña. Pero el coidaba que alí me vira, por tras do cura. Repetín que nunca na vida fixera tal, algo molesto, non porque me confundise cun monaguillo, senón porque, perdida xa a opción de ser alguén de ben, albergaba sequera a ilusión de ser un marxinado con algo de estilo.

A conversa derivou noutros asuntos, coma a fe no Altísimo. O meu panadeiro é ateo. Manifestou a súa confianza en que os seus fillos tamén o sexan, malia, seica, a muller, que é “moi católica e iso”. Deixei caer, porse fora o caso e el non reparara nisto, o detalle do malentendido tan habitual entre tanta xente, moita dela supostamente progresista, que consiste en confundir a Deus coa Igrexa. Admitiu crer que “algo debe haber”. E ó tempo, que isto, o que vemos cada día, é canto hai, nin salvación divina, nin inferno de tormento eterno. É o mesmo que me pasa a min en certos días. Tivo que existir un Enxeñeiro, que xa non ten plans para nós, se é que un día os tivo.

Mentres falabamos, eu deixaba por uns segundos de escoitar para me preguntar se o Enxeñeiro acabara de tolear e nos estaba obrigando, coma se fosemos clicks de Playmobil nas súas mans, a actos sen sentido aparente, coma aquel. O sucedido non difería tanto desoutros nos que un se ve envolto nos soños, case sempre cunha iluminación irreal e un ritmo moi acelerado.

Velaí un fenómeno propio do tempo presente: que o soño ocorre estando un esperto.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s