Un Rei e media ducia de vidas

dark-2685022_1280

O primeiro que pensei cando se soubo o do Rei Emérito de España e a tal Corinna e mailos 65 millóns de euros do petróleo árabe por mor daquel disparate do AVE á Meca (creo) foi que, con tal cantidade, varias persoas neste mundo, media ducia como mínimo e algo sensatas e austeras a poder ser, poderían vivir a vida enteira sen ter que estudar unha oposición nin botar un currículo nin pedir un peso prestado. 60, 70 ou 80 anos de vida a gastos pagados: tempo comprado para acadar o máis parecido á liberdade que un ser humano poderá coñecer. Aínda se di axiña. E aquel señor ceibou semellante mazo de billetes coma quen tira do peto das moedas un euro para o carro do supermercado.

Seica el, no momento dese acto, só estaba pensando no mellor xeito de facelos chegar a Suíza. Dubido que tivera sequera a concesión á debilidade de considerar a enorme distancia entre o seu entorno e o de ducias ou centos ou miles de millóns de persoas e ver dese xeito infiltrarse esa incomodidade e certa vertixe nun só dos seus días. Uso a palabra entorno e non mundo, porque o seu mundo e o noso é un e o mesmo, de igual maneira que non hai un “terceiro mundo”, malia que teñamos usado tal expresión tantas veces. Son os entornos, coas súas relacións e os seus compromisos. Para os mafiosos do cinema, a Familia está por enriba de todo. Un mileurista autónomo pode intentar colar facturas da casa na liquidación do IVE, mais está moi lonxe do que é, nin máis nin menos, o poder, iso que tanta xente cobiza hoxe, sexa por pretensión de cambiar o mundo para ben (ou para o que coidan que é o ben) ou por hiperactividade do instinto de supervivencia. O poder: iso que tanta xente cobiza e ben pouca coñece en verdade. Hai uns 40 anos, moitos temían que certos políticos a transpirar furor universitario por baixo das crechas de barricada chegarían á Moncloa e cagarían nas alfombras todas e alí convidarían a paella de marisco a Castro e a Gorbachov os domingos. Eses mesmos políticos hoxe reciben acusacións de militancia ultradereitista encuberta. O único que pasou foi que eses políticos víronlle a cara ó poder, tiveron que aceptar as súas condicións e cortar o cabelo ó seu gusto. A alternativa era nunca ter a ocasión. O poder convida a xogar, mais nunca perde. Non despreza ningún adversario, sexan homes, mulleres, brancos, negros, indios, chineses, esquimais, hetero, homo, bi e toda caste imaxinable. E este adversario, aparte de saír da partida sen un céntimo, perde o nome e a voz e mesmo a cara para sempre.

Por perder, o R. E. mesmo perdeu o enxeño e o bo gusto, se un día o tivo: fuxiu dunha democracia para buscar acubillo nunha ditadura. E nin sequera fixo coma os delincuentes de primeira división de aquí, que polo menos adoitan fuxir para o que o reintegracionismo pretende que sexa unha quinta provincia galega a nivel idiomático, como é o Brasil, senón que escolleu as areas ardentes e o vicio kitsch dos parentes de Muza. Aínda ben que Cascais (disque) exerceu o seu influxo finalmente.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s