Dúas boas preas

Foto: Daniel Kirsch

O domingo traía o mesmo xornal dous artigos sobre dous escritores que no seu día (un deles sobre todo; o outro morreu na miseria negra) venderon libros ás presadas e cambiaron as cousas para sempre e hoxe nin atoparían quen lles imprimira un exemplar. Igual nin pagando sequera. Un por racista, o outro por machista. Así está a cousa.

De Lovecraft fala un pouco Jacinto Antón, a propósito da recente serie Lovecraft County, que non se basea directamente na obra do escritor senón nunha novela doutro. Como está protagonizada por negros e trata, máis ca dos lovecraftianos, doutros monstros, humanos estes e con carapucha branca por fóra ou por dentro, dos Estados Unidos dos anos cincuenta do século pasado, era inevitable tocar o tema da xenofobia indiscutible de H. P. Lovecraft, para a cal Antón non atopa “desculpa” nin sequera tendo en conta o tempo e circunstancias nas que o escritor viviu. O que eu non vexo é que a súa xenofobia teña que ser desculpable ou non para alguén que non sexan os seus pais ou irmáns ou a súa muller ou os seus fillos, se os tivera. Con xenofobia ou sen ela, e sen ser tampouco un autor “virtuoso”, senón un inadaptado que escribía en revistas de quiosco editadas en papel basto, soubo dar algo que nunca se perdeu. Non sei cantos autores de fanzines actuais se reeditarán dentro de 50 ou 100 anos e darán material para camisolas.

De Bukowski é unha leria falar; case todo se dixo xa. Era pouco ou nada creativo: unha grande porcentaxe do que escribiu é autobiográfico, non do xeito no que o é a obra de calquera, pola relación entre o ego, a experiencia vital e a arte, senón literalmente: aquilo pasou, e pasou así. Tampouco aparentaba case ningunha imaxinación. Moita xente acúsao de dar unha visión negativa do sexo feminino nos seus relatos e na súa única novela (Pulp, creo que poucos a coñecerán). Non comprenden, ou é que llelo impide o sangue a saturar os vasos sanguíneos da cabeza, que se limitaba a ser descritivo. Que elas eran así. E eles, porque tiraba con bala contra todos. O único ser humano co que estaba a gusto, e dígoo sempre que me preguntan, era Henry Charles Bukowski. Porén, non se pode negar, creo, que o que sabía facer o facía caralludamente, e que aínda na súa actitude, malia ter a súa orixe, con case toda certeza, no narcisismo, dicía verdades, sobre todo no tocante ó seu concepto da intelectualidade.

Teñen en común Lovecraft e Bukowski que semellan inspirar nalgúns lectores, críticos e demais, un impulso xudicial que, desde a lóxica, carece de todo motivo. Acaso sexa o inconsciente que anda a enredar. Se non parecera unha tolemia, diría que eses lectores se coidan donos do escritor.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s