As cancións da radio

Poida que xa vos contara isto, porque cada vez é máis complicado non se repetir. Vai igualmente:

Hai moitos anos, falei cunha persoa nun café dos soportais da Praza Maior de Lugo sobre moitas cousas, e en particular sobre o que ha de ser a literatura e sobre o que era o chamado sistema literario galego (isto foi aló polo 2001 ou 2002), que xa daquela estaba nun estado preocupante, se ben non no actual, de boxeador agarrado á corda do fondo coa ollada en branco cando o árbitro xa vai por 8. En fin. Esta persoa, señora que parecía de bastante mundo, tan superada se debeu ver polas miñas opinións que se lle ocorreu dicirme que un día tipo na miña vida xa pagaba a pena ser vivido se soaba na radio unha canción que me prestara.

Ignoro que pretendía exactamente dicíndome tal. Logo repetiríame varias veces que “xa logo chega a primavera” con ar sinxelo de camareira de bar de cincuentóns, sen comprender, supoño, que ela non era a única que estaba a facer uso dunha pose. Porque eu estaba ó 101 por cento na de escritor kamikaze, algo moi mal asimilado por aquí naqueles anos, tamén é verdade, e aínda hoxe. Son coma eses rapeiros ós que a xente adoita malinterpretar porque non diferencia cando van en serio e cando están de coña.

O caso é que eu xa sabía hai tantos anos o que hoxe sei con aínda máis certeza. Ela falaba da canción na radio coma se coidara que hai algo máis ca iso. Coma se non se decatara de que as lembranzas das súas noites tolas de mocidade, que sospeito que as tivo, e as de calquera, non ficaron finalmente en máis ca nunha presada de imaxes borrosas que saben a vómito. Que todo canto poida mercar cos seus cartos gañados gracias ós seus estudos superiores ou, se pensamos noutra moita xente, ós seus anos de chapar para as opos, é morredoiro ou insatisfactorio dun xeito ou doutro. Que se poden visitar as Marabillas do Mundo e ó cabo dun mes estar vexetando nun centro comercial un sábado pola tarde. Que se poden ter mil oitocentos amigos e ídem amantes nunha vida, pero todos acabarán marchando. Que as medallas só valen para se envolver en po nos andeis. Que a túa creación artística pode parecerche a xenialidade mesma, pero trae data de caducidade. Que un día coidas que es novo e ó seguinte [completádeo co que din os memes de internet].

Ó final, o único que queda, señora que non viu o kamikaze a abaixar o fociño do seu Zero en caída cara as naves de Pearl Harbor, son as cancións que a un lle prestan na radio. Só iso. O demais é a néboa das mañás de verán, que ás once xa esvaece no aire.

Un comentario en “As cancións da radio

  1. Pingback: O meu veciño – A PEQUENA NOVELA GALEGA

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s