Fodechinchos por xeración espontánea

Un gusta da opinión impopular. Non é que queira contrariar a ninguén, mais sempre me sucede que as conviccións de mármore de tantos barra as hoxe producen en min, polos seus moitos furados no tocante a tino e coherencia e pola unanimidade acrítica que poden chegar a producir en certos círculos, o efecto de turrar pola corda cara o outro lado. Non vos espero ver a ningún no meu enterro, ben o sei; estarei eu só, e porque non me quedará outra. Razoar está moi mal visto.

Unha das miñas “contraconviccións” é que o monstro moderno e real é case sempre fabricado por quen acaba escandalizado perante as súas barbaridades, por moito que a pregunta retórica que sempre abrolle dos beizos a tremer da xente de ben sexa “De onde puido saír?” Nunca o quererán admitir, botaránlle mil quilos de silencio porriba, meterán contos no medio, e porén saben a resposta.

“Fodechincho” é un termo para min alleo que viría designar o turista, sobre todo mesetario, que chega a Galicia para acaparar as praias, botar para o bandullo mesmo o pratiño do café, afanar marisco, deixar unha esmola, dicir que bonitas as vacas e mailos montes, poñer cara de noxo cando non lle falan no seu idioma e volver por onde veu coa fin de agosto. Percíbese, coma un triscar lene na palla na vida “analóxica” e coma un bruído digno da fusión París de Noia-Combo Dominicano nas redes asociais, a aversión local cara esta caste de visitas. Adquiriron a condición dos uniformados napoleónicos cando o de Pepe Botella: xa atopamos épica en calquera trangallada. O Pobo detéstaos, o Pobo quere que se boten fóra. Xa case estou a ver multitudes de labregos a tirar de tranca e faca e trabuco.

Os haters dos fodechinchos deben coidar, conxecturo eu, que todo é obra do “cogomelo” de polución que cobre esa chaira onde ninguén é nado na chaira. Que ó fodechincho o crearon outros, ou apareceu de súpeto por baixo dunha gorra a cadros de chulapón tirada nunha canella de Lavapiés cando aínda era Lavapiés. Eses mesmos haters son os que non deixan de presumir das mellores praias e de cantarlles ós fodechinchos o refrán daquela de The Refrescos, creo; das mellores luras, non o que se come entre dúas talladas de pan na Plaza Mayor, que é pota ruín; de E para comer, Lugo!; dun leite como non hai outro; do prodixio do caldiño de nabizas; dos bares nos que entras para unha cervexa e saes mantido, e de balde; da terra das mil verbenas, e ó tempo da tranquilidade. Lémbranme a tantos intelectuais galeguistas dos que tanto abondaban (dentro do que era este curral da cultura galega, vaia) ata os 70, tan estomagantes eles, que gababan Galicia valéndose da aridez de Castela. E imaxino que, logo de todo isto, pretenderán que os fodechinchos non teñan interese ningún en se achegar por aquí se non é para comprobar o noso enorme investimento en I+D+i.

E logo está mal ese chufar tan de anuncio de supermercado? Supoño que non. O que pasa é que con tanta chufa ofreces o que hai. E se cadra o que hai non dá para esperar que ocorra nada moi distinto do que ocorre. Se sementas pan e che veñen peteirar os paxaros no gran, marica non chores.

Moitas veces, non sempre, pero moitas veces, un é mesmo aquilo do que presume. E agora direi algo que non ides crer: cada vez máis, os anti-fodechinchos me lembran máis vivamente, na súa éxtase patriótico-costumista, a uns fodechinchos con acento do noroeste e non gato que fican como residentes.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s