Os filmes que xa temos visto (e os que non)

Di Carlos Saura que el xa non mira cine actual. É natural nun señor de 88 anos: a esa idade, un debe estar xa ata o carallo de todo o terrenal, como lle acontecía a un tío meu aínda non tan vello, que ía “canso de vivir”. Porén, el aclara que a razón principal desta reticencia non é que non guste do cinema de hoxe, digo eu que non inferior ó de calquera outra época da historia en xeral, senón que, segundo el debido ós seus moitos trienios de profesión, xa sabe como vai rematar cada filme que querería ver antes de acabar de velo. É o peor que lle podería pasar. Que ó mago se lle adiviñe o mecanismo do truco.

Pensaba non nisto, si en algo semellante, mirando unha desas “microseries” de certa plataforma de contidos para smartphones. Viría sendo un filme picado en trece cachiños numerados de entre 6 e 9 minutos de duración. The Stranger trata do acoso (non sexual) a unha moza acabada de chegar a Los Angeles por parte dun autodefinido coma sociópata. Pásame con esta serie o que me pasa con tantas outras e filmes actuais que miro, e tamén, se ben con menos frecuencia, con tantos libros que leo. Que, ó tempo que recoñezo o ben armada que está, conforme avanza voume poñendo de mala ostia, porque todo empeza a afundir gradualmente e manda o prescindible e non o esencial. Ten xeito mentres se nos dá a entender que todo é produto da imaxinación da protagonista, que é ou aspira a ser escritora, por certo, para o cal conduciu 2.600 quilómetros desde Kansas. O aire irreal que lle acae a esta intención está moi logrado. Por iso o que virá despois carece de todo sentido. Os guionistas quixeron xogar á sorpresa e esqueceron que, se se pon unha escaleira apuntando cara arriba, non se pode baixar por ela. O personaxe do que máis gusto, e isto xa é habitual, é o malo, Dane DeHaan, o varón branco que tortura mentalmente á moza inocente con pasado traumático, desta si por agresión sexual, á que nunca creron e causa a morte dun proletario dunha minoría étnica. Non, non parece casual esta maneira de presentar a cousa, este tipo de escollas. O malo é o único dos tres, diría que de todo o elenco, con liberdade dentro do que é a arte dramática e unha historia ben contada, xusto porque é o malo. Ós outros non se lles permite, moi ríxidos dentro dos seus corsés morais e sociais. En pago polo protagonismo, estes dous deben ser puros e perfectos. E os tres, máis ben impersoais.

(Sobre os malos do cinema/series, algo que tería sido ben interesante malia semellar moito pedir, é que ó espectador/lector se lle ofrecera algo máis ca unha serie de acenos e frases sinistras e actos atroces. Que se lle explicara, sen moralina nin mensaxe, clinicamente, como o malo chegou a ser o malo.)

Somos Saura e máis eu coma familia neste aspecto. Non é que eu saiba punto por punto como remata o que estou a ver ou me dispoño a ver, que a tanto non chegan os meus sentidos, senón que contemplo varias opcións, e rara vez me confundo. Ou se dá a primeira, ou unha aínda peor. Desde os últimos minutos do capítulo 1, souben que a moza acabaría por facer algo arriscado e ameazar alguén cunha pistola. Non vos puteo. Así foi. Por exemplo.

Non é que sexa eu máis listo ca ninguén, tampouco. Algo que creo que nunca se debe facer na arte, en calquera das súas variantes se fora pola lei dereita, vaia, é ir canda calquera moda; ó artista presupóñenselle pensamento e iniciativa propias. E hoxe case todo o que se poida mirar ou ler vai por ese camiño do popular ou aceptado, e polo tanto predicible, por iso e non por falta de talento nin por outra cousa, ó contrario. Abonda con ler o catecismo para saber o que vai dicir o cura. No caso do cinema e as series, a razón da mercadotecnia é moi poderosa, naturalmente. Imaxino que será por iso, polo interese en compracer a un determinado tipo de público (que, vista a teima xeral, debe ser maioritario hoxe) que deixará cartos na caixa, polo que estes produtos se axustan ó concepto de corrección política actualizado neste século 21. Supoño que será tamén o caso de tanta literatura recente. Porque se a razón residira máis no barrio da pedagoxía, non direi na do lavado cerebral, o desnorte dos responsables sería considerable.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s