O que se leva “dentro”

Penso que é bastante coñecida a escena final de The Third Man, o filme. O escritor de novelas baratas ó que interpreta Joseph Cotten decide facer un derradeiro intento coa que fora moza do seu defunto (ex) mellor amigo, Alida Valli e Orson Welles, respectivamente. Intento de quedaren a ben, quere dicirse. Ela non lle perdoa que el tivera colaborado coa policía para detelo. Cotten agarda á beira da rúa, fumando un cigarro, mentres a Valli se achega coa mirada á fronte, logo de asistir por segunda vez ó funeral do home ó que quixera. Farei un spoiler a quen non o teña visto: ela segue andando, sen aparentar velo, ata saír do plano. Cotten fica alí, fumando, mentres caen no empedrado as follas mortas das árbores do paseo. Non sei cal é a idea detrás da escena. Eu, pola tranquilidade del, inclínome a crer que aínda ve posible que ela cambie de opinión. Non custa nada.

A Valli é unha persoa dominada, como lles sucede a tantos humanos, polos sentimentos. Ó tempo que é consciente de que Welles era un fillo de puta capaz de vender penicilina adulterada que acabou facendo estragos en hospitais infantís, e que non movería unha palla se ela se vira en apuros, repróchalle a Cotten que delate ó seu mellor amigo, porque xa non quere ter trato con el pero aínda o leva “dentro”. Para ela, a lealdade debida está por enriba de toda moral ou decencia.

Aquela xente saía dunha guerra mundial. Non sei que terían pensado se se atoparan no medio dunha epidemia. Moitas cousas terán cambiado desde entón, mais o predominio do sentimental non. A certa indignación colectiva que causan nestes días os botellóns e festas etílicas varias co regulamento e recomendacións sanitarias a xeito de felpudo non atopa fírgoa no valado da necesidade gregaria dos festeiros. É comprensible, se se pensa un pouco. Están a construír ou asegurar a súa rede social analóxica, a que lles posibilitará chegar a unha parella, a un traballo ou a un préstamo sen xuros. Porque, para quen aínda non se decatara, en países coma este case todo, se non todo se consegue mediante esa rede, dun xeito ou doutro, cada individuo no seu nivel particular. Se volvemos ó exemplo cinematográfico, consideremos que a existencia de moitos filmes da listaxe dos 1001 que cómpre mirar antes de morrer se logrou a horas tardías da noite e seguramente non comendo galletas e xogando á brisca.

As lealdades que nestoutras noites se crean tampouco entenden de vida nin saúde allea ningunha. Tamén pode darse que o que se procure non sexa chegar, senón fuxir. Que sentar en silencio mirando a programación televisiva enlatada e caer na conta do que é a propia miseria sexa moito peor ca calquera virus. Tanto a uns coma a outros, pódeselles predicar canto se queira, que eles non atenderán ó dito, cativos do que levan, coma a Valli, “dentro” de si.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s