A deriva sinistra. O meiquin of.

A deriva sinistra son cinco relatos que fun escribindo entre os anos 2001 e 2008, aproximadamente. A colección orixinal era máis ampla, pero decidín desbotar os relatos non esenciais. A estes cinco finais coñéceselles decontado a súa querenza pola década dos 90, polo menos se fostes novos en tal tempo, quere dicirse. Malia poderen estar ambientados no tempo presente, porque aquilo do que falan é universal e eterno, a sensación que dan é a do frío do aceiro das navallas, e suxiren o humor salvaxe dos que pouco teñen xa que perder. Cousas estas que hoxe, nestes tempos tan solemnes, non están moi de moda, paréceme.

O relato que dá título ó libro acho que é unha boa definición do que é a soidade absoluta en poucas e en aparencia baleiras palabras. Comodidade xuvenil é o seu equivalente se falamos do desamparo perante a complexidade innecesaria e un algo demente do mundo adulto actual.

Sei onde vives quería ser un pretexto para un relato fantástico, e acabou sendo o que chamarían por aí un “híbrido” de tal e historia da torpeza política e sentimental dunha xeración, se non de todas, dun xeito ou doutro.

A roda de lume e Correnteza inspíranse en parte en feitos reais. No primeiro, o paisano que afirma ver un OVNI é un trasunto de certo veciño de certa aldea do interior de Lugo que tal fixo, como informaron medios de alcance nacional, entre eles algunhas revistas diso que Íker Jiménez chamaría investigación científica; alterei un algo ese relato para o caso presente, aínda que o real era tamén bastante estraño. É por enriba de todo unha historia realista, porque a realidade é máis dura ca calquera trauma digno de Expediente X. O título do segundo é o dunha canción de Tom Jobim moi calmada e doce. Calma e dozura non hai moita na aventura dos dous malpocados protagonistas; foi por facer a coña. Baséase nun rumor que chegou a min hai anos, non sei se arredor da época de esplendor do ladrillo ou pouco despois da explosión da burbulla inmobiliaria, acerca dun escort ou prostituto que tería estado en relacións coas señoras de señores podentes da provincia de Lugo, construtores e políticos en particular e, en consecuencia, en posesión de información delicada, que estaría ameazando con dar ó dominio público se non mediaba ingreso na súa conta bancaria. Tiña toda a traza de invención para matar o tempo nas barras dos bares. Porén, vínlle o seu potencial trasladado á ficción, se ben cun enfoque moi diferente.

Repito con Amazon polas razóns que xa todos saberedes se seguides este blog. Nas editoras digamos “grandes” de aquí non tería cabida de ningún xeito, imaxino. Mesmo nas menos grandes o tería moi complicado. Nunhas, porque pretenden chegar a ser grandes, polo cal este libro mal cadraría coa súa liña editorial. Noutras, esas nas que se dá esa figura do editor activo, por así dicir, ou o seu equivalente no chamado sistema, esixirían como condición para a súa publicación, se é que fose aceptado, uns cambios tan substanciais que acabarían por borrar todo rastro da idea orixinal ou por deixar o resultado final en non máis de 15 páxinas. Son historias que non comprende calquera, moi persoais en máis dun sentido.

Actualización a 3 de novembro: Finalmente, cando desesperaba de podelo facer, foime posible ofertalo, coma sempre, en dobre formato, dixital e papel. Sobre este último, teño que explicar que Amazon puxo aínda máis atrancos dos que adoita poñer, que non son poucos, polo cal a cuberta vos parecerá talvez algo grunge, como diciamos nos noventa, por lenemente borrosa e desenfocada. É un defecto do previsualizador do sistema, que, non aceptando (por algún motivo) imaxes en elevada resolución, obrigoume a subir unha cuberta de calidade pequeneira, por así dicir. Con todo, como tamén a esencia do libro é así, algo rabuda e áspera, acho que lle acae esta estética, e todo.

E non digo máis nada. Aí queda, para quen o queira.

Derivando

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s