Babel do carallo

A torre de Babel, de Bruegel O Vello

Preto das oito dunha tarde máis ben desaparacible. A situación facíaseme o que chaman un déjà vu, unha cousa mil veces vivida. Ó primeiro non me decatara e deixárao un pouco atrás, coidando que era un deses fulanos que están no medio da rúa falando sós, e non creades que hai poucos nas cidades. E non. Dirixíase a min, só que non cos acenos imperativos e a voz alta que tan comúns son por aquí. Volvín atrás. Por baixo dunha carapucha que lle tornaría o xusto a poalla da cabeza e por tras dunha máscara cirúrxica algo sucia na beira superior había un bigote cinsento e unha cara de pel torrada polo sol e un par de ollos que (diría eu) viran demasiadas cousas. Do que balbuciu, o único que entendín foi “arabe, arabe”.

O home pronunciaba a palabra co acento no segundo a, polo que coidei que procuraba onde comprar un xarope para o que fose. Non comprendeu nada do que lle dixen en castelán. Pregunteille se precisaba unha menciña, e nada; se buscaba unha farmacia, e nada. Arabe, arabe, insistía. Estivemos arre e xo un bo pedazo. Eu quería saber o que era o “arabe”, porque xa non tiña tan claro de que falaba. El acenaba impotente, case dramático, incapaz de se explicar. Coidara eu entender que era marroquí, así que probei sorte cun Parlez-vous français? “Poco”. Escollín, pois, frases moi básicas. Qu’est-ce que vous cherchez? Non entendeu. Medicine? Non entendeu. Pour la santé? Non entendeu. Est-ce que vous êtes malade? Non entendeu. Fixen o aceno de tusir, de mal no peito. Non entendeu. Balbuciu que “estar muchos sitios: Murcia…” e non sei que máis. Pois se en Murcia estivera, con cristián moito non tiña falado, como hai Deus.

Cando me matou foi cando empezou a repetir “tú buena persona”. Se era sincero, estaba claro que non se informara sobre min, sobre todo no Twitter. Coido que se decataba de que xa eramos dous impotentes. Eu quería axudarlle e el quería ser axudado, e ningún sabiamos como facer. “Tú buena persona”. Si, pensaba eu, por iso, como escribira Fole sobre a súa propia situación despois da guerra, non teño máis có ceo e a terra.

Non sei se serei tan boa persoa como aquel home cría que eu era. Para ninguén será agradable estar con noite ó frío, en terra estraña, cunha necesidade urxente (seguramente) e que a xente non comprenda as túas palabras nin ti as dela. Outra cuestión que dá para pensar é por que este señor se vira obrigado a percorrer miles de quilómetros para ir á procura de “arabe” unha tarde-noite que máis convidaba a estar ó quente. Eu sei bastante diso, de nunca dar estado no bo sitio. Talvez o factor determinante foi ese: a comprensión.

Escuso dicir que, a falta de poder resolver o enigma, o mandei a unha farmacia, que nunca é mal sitio para mandar a quen teña un problema, e seguín camiño con certa amargura. O día xa se me botara a perder igualmente, coma tantos nesta Babel do carallo.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s