Recear do pistoleiro

Foto: C. M. McKeehen

Donald Trump ten moito en común, para algunha xente, con Adolf Hitler. O que eu lles vexo en común é que un morreu hai setenta e cinco anos e o outro acaba de perder a cadeira, e aínda hai millóns de persoas que se preguntan como puideron chegar a dirixir unha nación (algo aplicable a moitos outros gobernantes, tamén hai que dicilo). Steven Pinker, interrogado sobre Trump, trata de responder a isto nunha entrevista recente. Aínda sen entrar en moito risco, coido que atina bastante. Unha das posibles explicacións que ofrece reside no voto por simple aversión ó activismo de esquerdas. Non é que o votante trumpista saiba moito do seu candidato, senón que o ve preferible á outra opción, dentro da que inclúe ó candidato de esquerdas por identificación ideolóxica.

Recoñezo que non se lles pode reprochar o receo. O activismo do tempo presente, que é o único que coñezo de primeira man, parece convidar a se mover no sentido contrario á súa marcha, non porque non leve razón nalgunhas das súas esixencias, que a leva, sen dúbida, senón porque a razón mesma é algo que considera de xeito moi particular e moitas veces distante. Os activistas de esquerda de hoxe poñen a ollada en branco e suspiran cando oen tal, sentíndose incomprendidos. Convencidos de que non hai outro xeito de acadar o obxectivo desexado que non sexa a vergallazos, coidan que a irracionalidade galopante de non querer ceder nin un chisco á moderación que os guía se esvairá nun alustre do seu xuízo cando se acade ese obxectivo, e paz e felicidade para sempre. Eu non estou tan seguro. En moitos filmes baratos do Oeste, o bo resístese a volver pendurar o revólver do cinto, malia que a causa pola que ha de facelo sexa ben xusta. Sabe que cando se empeza a matar, xa non hai parada.

Unha vez, se non me falla a memoria nos feitos logo de que me teña fallado nos nomes, seica certo investigador, de viaxe polos Balcáns adiante, púxose a preguntar pola banda serbia por que detestaban tanto ós croatas, ata o punto de ter sucedido unha guerra entre os dous. Os interrogados tardaban en dar unha réplica clara, ata que todos ían dar nun motivo que non era o que se poida pensar. Non era por mor da relixión, nin do territorio, nin da raza, nin por cuestión de política institucional de ningún tipo. Non. Aqueles serbios detestaban ós croatas porque os vían moi modernos, cosmopolitas, algo snobs, polo menos en comparación coa imaxe que deles mesmos tiñan. “Por que carallo se han querer diferenciar de nós? Tanto noxo damos?”, parecía ser ese motivo.

Opina Pinker que as reivindicacións baseadas na identidade, que hoxe son as máis, só poden acabar mal. Ese “quero ser igual ca ti, pero deixando moi claro que somos distintos: que eu teño as miñas singularidades”. Eu creo que a xente é moi “serbia”, e recea do pistoleiro. O primeiro é complicado de cambiar. O segundo podería arranxarse deixando quedar o cinto na casa, se é que se é capaz.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s