Nenos e gatiños

Foto: Karen Nadine

Opina Manuel Loureiro, nunha entrevista con Jaureguizar, que nunha novela, igual que outros din do cinema, o que nunca se debe facer é matar un neno ou un gatiño. Resume moi ben o que debe ser o seu concepto de literatura. É autor de certo éxito de vendas; nunca un seu libro terá unha capa digna da mesa do café de alguén sofisticado nivel Taschen. A xente parece gustar do que escribe. Se cadra leva razón, e nas novelas nunca se deben matar nenos nin gatiños, que son as estrelas dos vídeos cuquis da internet, dos que eu gusto ben máis do que confeso. Vivimos nun mundo de humanos de chencha tan saturada ó cabo do día que chegan á casa e só queren mirar nenos e gatiños a brincar.

Noutro diario, hai pouco, lin por enriba unha reportaxe sobre unha muller non sei se angolana ou do Cabo Verde, africana de fala portuguesa en todo caso, que saíra dun matrimonio traumático e agora seica era moi feliz e emprendedora. Del, dicir, ben pouco se dicía. Que seica ó comezo era “guapo e valente” pero, unha vez se trasladaran a Portugal, virara nun borracho insoportable. A reportaxe centrábase na muller, perdendo así todo interese para min, pois concordo en que a xente feliz non ten historia (quen o dixo?). E mentres, como me pasa invariablemente con este tipo de asuntos, eu preguntábame por el. Por que cambiara? Que lle sucedera? Que vida levara? Que lle fixeran? Ningunha resposta se me daba. Era un fulano que pasara por alí. Era así porque lle deu por aí, semellaba suxerirse. Non sei se vos decatades de por que por aquí a novela negra (e digo NEGRA) non é motivo de ringleiras nas librarías. Afondar na vida deste home, do vilán desta historia, que tamén ten unha que sería de seguro ben interesante, sería matar un neno ou un gatiño.

Nunca dei creto ó que para min é pose, a desa xente que afirma atopar o goce no deprimente, no retorto, no labiríntico, todo iso ós meus ollos, naturalmente, estímulo anímico apaixoante ós deles. É imposible que só gusten do Roxy Music de Eno e non aprecien o ben que soa Ferry, que de Kitano só gusten de Dolls e non lles preste Violent Cop ou mesmo Humor amarillo, que de Alain Delon só gusten de Rocco e os seus irmáns e non o pasen ben cos seus filmes de acción de videoclub dos 80, que só lean a Chimamanda Ngozi Adichie e non lles salve o día calquera noveliña sen pretensión de inmortalidade da Série Noire de Gallimard ou as paiasadas superficiais en aparencia de Richard Brautigan. É inconcibible apedrar dese xeito a vida. Agora, iso si: mesmo nas segundas opcións das comparacións que acabo de ofertar se mata un neno ou un gatiño (é un falar). Por moi ben que a Loureiro lle vaia sen facelo, ó final, o que máis se lembra, o que queda, inclúe esa molestia para traballadores estresados ó cabo da xornada laboral.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s