Diego e máis Alberto

Foto: Michael Gaida

Coincídeme ler, na mesma semana da morte de Maradona, sobre certo escritor que seica escribía con veleno. Diego Armando Maradona era arxentino, Alberto Hidalgo, peruano. Un era practicamente iletrado; o outro, mesmo cando lle botaba cianuro á estilográfica, lido e de verbo preciso. Un dáballe tanto á bola coma á cocaína; o outro, estopa a moitos que hoxe son nomes habituais na lingua dos moi profundos a marcar territorio e dos nada profundos á procura de falsa reputación, e a tantos outros esquecidos por saber ó papel amarelecido. Un é hoxe quen de facer quedar nun funeral homes de fumar negro e nunca vestir unha camisa rosada coma adolescentes histéricas á porta do hotel do seu ídolo e guía vital, cantor melódico ou (t)rapeiro malandro, segundo se dea a tendencia; ó outro sospeito que case ninguén o lembre hoxe, e eu, sen ser representativo de nada, é a primeira vez que sei del. E, con todo, os dous teñen en común que, a ollos de moitos ou de poucos, a súa persoa impide recoñecer o seu talento.

Deixarei aparte o tema do futbolista. De Hidalgo díxose que era un escritor “interesante”. O adxectivo é de significado sempre incerto, mais entenderemos que aquí se quere dicir estimable. Era, pois, un escritor estimable, ó que “a súa acedume lle negou o lugar que debera ter na Historia”. É algo completamente irracional denegar algo a alguén que podería ser digno e facer un uso proveitoso dese algo porque ese alguén non che entre polo ollo dereito. Se ben é desculpable, tal vez, nas noites de bochorno e copas e rituais de apareamento, esta pulsión resulta ben pueril nun terreo como é o literario, penso. Se eu tivera que xulgar a cada escritor con obra da que gusto máis ou menos, non lería máis que A Biblia e o Lazarillo de Tormes, por ignorancia das identidades, e polo tanto dos defectos, xa non digamos dos pecados. A acedume, a palabra aguzada, a amargura, son tan indicativas da valía dun escritor ou de calquera outro profesional coma a frecuencia coa que se afeita ou a intensidade do seu período.

Lin hai pouco que, nesta era das redes asociais, a obriga é agradar. Eu coido que sempre foi así. Sempre foi necesario para a consecución dun obxectivo, grande ou pequeno, caer en gracia. Do contrario, as portas fican pechadas a nada que chega quen si cae. Velaí unha explicación da certa adoración que tantos sufridores de hora extra sen pagar lle profesan ós millonarios: un millonario non ten a obriga de entrar nesa roda sadomasoquista da sedución para conseguir o que quere. O ideal inconsciente de tanta xente moi social é deixar de ser un ser social.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s