Os abandonados polo sentido do humor

Foto: Arek Socha

Nunca fun ó quirófano por cousa seria. A primeira vez, fixen a coña de solicitar, xa que estaba, dous favores: dado que me ían cortar un pouco a cara, que aproveitaran para lle dar a feitura aproximada da de Hugh Jackman, e que, xa que fixera a viaxe, me extirparan o apéndice, para aforrar desgustos e visitas posteriores. Nin a cirurxiá nin as enfermeiras amosaron o menor sentido do humor. Seguíronme a corrente con escasa convicción, con ar de “a ver se así cala”. Comprendo que lles parecera a actitude máis correcta: máis profesional. Dubido que se decataran do moito que detesto (ata o límite da sensación física de repulsión) o hoxe chamado pomposamente “entorno hospitalario”, que do segundo ten máis ben pouco, por certo, e que tal era o motivo maior do que deberon entender coma intentos de facer o gracioso sen a menor pertinencia. Outro motivo poderoso é que descreo da solemnidade como norma, a diferencia de tantos outros humanos que cobrarán a xubilación. A humanidade, para min, implica facer o que ás veces non parece profesional. Se debes escoller entre amosar humanidade e profesionalidade porque as dúas cousas ó tempo non son compatibles coas túas capacidades, igual as túas capacidades son un tanto limitadas, tamén o digo.

A miña idea da importancia do sentido do humor xa a saberá quen siga o que por aquí escribo. A novidade é que, desde hai un tempo, entrei noutra fase, se se quere dicir así. A carencia de sentido do humor dos demais interfire directamente na miña procura das pezas a encaixar para acadar un día en paz. Quere dicirse, que me toca moito o carallo a pobreza de espírito allea. Debera, talvez, producirme máis ben pena, supoño, o tránsito de seres que coidan a estar a facer algo que importa e a realidade é que só buscan como poder figurar na lista de persoeiros do departamento dunha universidade ou dun sistema literario, como pagar un día a letra dun Audi berlina, ou a casa á que os seus fillos falsamente emancipados volverán tantas veces xantar ou soamente loitar (na forma do activismo, para máis vergonza) polo que non ten solución, polo que sería un erro de poder levarse a cabo e polo que ó resto do universo lle inspira unha enorme indiferencia. Porque todos eses esforzos e esas loitas consumen a alma e anubran o xuízo sen remedio. Igual que tantos teiman en traballar no inútil e deixan en segundo plano o esencial, tantos son irreverentes cando deberan ser serios e viceversa. E resulta que non é pena. É irritación e, xa que o outro luns falaba de distantes, tras dela virá a distancia.

Creo que o mundo sería un lugar aceptable para vivir se a xente fose quen de estar de coña nun quirófano, e se isto se aceptase e mesmo se agradecese. Porque case nada do que o persoal sanitario sen sentido do humor coida que paga a pena, esa seriedade, a paga.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s