Os “libres”

Sendo noviño, non estaba eu certo de se podía existir algo chamado liberdade. Era natural que así fose, sendo como é un concepto complexo e sendo como eu era algo pasmón. Os profesores de Ética e Moral do que hoxe é a Secundaria, valéndose da que talvez sexa a súa meirande habilidade e facendo aquilo polo que lles pagan ou pagaban, amosábanme moi doadamente a inconsistencia de toda teoría miña ó respecto. Hoxe sei que non existe tal cousa. Falei disto, penso, na primeira entrada desta nova andaina do blog, hai 3 anos. Existen dependencias que anulan a posibilidade de manobra á vontade, e existe outra posibilidade, a de elección, que implica unhas consecuencias sempre.

Estes días apareceu na rede un artigo no que o autor, por medio de preguntas a supostos expertos no tema, se preguntaba como hai tan poucas voces discordantes no panorama literario galego, por así chamarlle, actual. A inxenuidade de quen tal se pregunta é parella á miña de quinceaneiro. Primeiro punto: dependencias. Non é unha cuestión de talento, non é unha cuestión de valía, non é unha cuestión diso de significado algo escuro chamado “calidade”. Pode terse todo iso, e porén non vai o conto por aí. É unha cuestión de relacións públicas. A min, que o fontaneiro que me arranxa as avarías da caldeira de xeito eficaz e económico non guste da xente coa miña faciana e co meu nome e cos meus gustos, e/ou que eu mesmo nos guste dos seus, impórtame o mesmo que o ciclo reprodutivo dos osos de auga, mentres siga a facer o que fai. Moi ó contrario, aínda me tería a súa gracia. A meirande parte do resto da humanidade, en cambio, non chamará a un fontaneiro (a quen xulgue) antipático. A arbitrariedade humana é xeada negra para a lóxica.

Tamén temos unha liberdade relativa. Eu caín na conta de tela hai ben tempo, e con todo menos do que debera ser. Non é que decidira resultar antipático, porque esas cousas rara vez se deciden, senón que suceden. A realidade é que estes retallos que escribo neste blog apenas lle interesan a unha persoa aparte de min, e os meus libros, a ninguén. Cando o penso, os anos xa me fan as cóxegas nos beizos para tiraren o sorriso. Hai vinte e pico anos, teríame parecido alarmante ou, como mínimo, sorprendente. Alí de onde veño, “liberdade” é todo máis lugar común nas cancións melódicas. Pero sono: podo dicir o que me pete. Naturalmente, e velaí cara onde leva o meu razoamento anterior, quen é libre sempre paga un prezo non pequeno.

Así que sabede que o comercial que vos peta na porta e vos pregunta se xa tedes suministro de liberdade, e vos oferta a instalación gratuita, é un falsario. O tempo presente é, neste sentido, unha campaña promocional continua para nenos que aínda estrañan os cueiros. A nosa escolla posible é rir do demo.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s