A medalla de Rhodes

Armouse un rebumbio moi predicible coa concesión da nacionalidade española a James Rhodes. Para algúns é algo merecido. Non sei exactamente cando se chega a merecer unha nacionalidade, nin se é algo que se poida “merecer”, pois non vexo que en verdade supoña honra ningunha. Si comprendo que pode facer a vida máis doada en certos aspectos, e sei que haberá milleiros ou millóns de persoas que ben gustarían de que así fosen as súas, que estaban na ringleira correspondente moito antes de chegar Rhodes (e moitos outros “persoeiros” antes ca el) e que alí seguirán neste momento e seguramente durante bastante tempo.

Os favorables á gracia concedida polo goberno español, que si a entenderán como honra, semellan ver o novo DNI do músico coma unha sorte de condecoración. É estraño, ou non tanto a estas alturas, como a multitude pode chegar a distinguir coa calidade de heroe a quen apenas amosa unha imaxe pública ben traballada e foi presa da traxedia un día (coas súas cicatrices), sen mérito coñecido para semellante distinción, porén. Non o digo en sentido ofensivo. Rhodes é un pianista pasable para o meu oído pedestre, e un articulista e escritor se cadra menos dotado, mais non o creo xusto acredor do Nobel da Paz nin máis digno dunha estatua na Plaza Mayor ou en Leicester Square ca moitos outros seres humanos.

Hai quen califica o acto de amiguista. Eu respondo, sempre que se toca ese tema, que aquí, entre Ortigueira e Cullera, entre Badalona e Lepe, o trato de favor é conto vello; nunca aceptable, si ben habitual. No caso deste señor e da xente coma el, teño a impresión de que quen recibe ese trato non é propiamente o nome de James Rhodes, senón o que representa: unha potencia de sedución imparable para demasiados adultos de mentalidade diversa. Perante unha riquiñez, se se me permite o palabro escrito sen o menor matiz de desdén, sumada á amplificación imprescindible dos medios de masas, o mundo, polo menos o chamado occidental, cae de xeonllos e bagoa do fervor. A razón maior pola que a Rhodes lle deron unha columna nun dominical (non sei se noutros medios tamén) no canto de lla dar a un xornalista ou escritor de e con oficio é que unha bibliotecaria de corenta e tantos e un deseñador gráfico de vinte e moitos lla darían se os sentaran na cadeira do director con plenos poderes. Iso chámase estratexia. Amigos si, mais a vaca polo que vale.

Sobre a calidade de benefactor social que para certa xente tería Rhodes, direi que tivo o enorme infortunio de pasar polo que el contou, e ten a enorme sorte hoxe de que tantos ollos o teñan lido. Non sempre sucede, nin moito menos, nun mundo inzado de calamidades e inxustizas tan pregoadas en tantas ocasións coma escasamente escoitadas polo común. E é que case todo o que dicimos é susceptible do esquecemento.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s