O meu veciño

Foto: Sergey Korchanov

O meu veciño poeta chamou por min o outro día na rúa, con esa naturalidade súa tan difícil de simular. Estaba aliviado de verme á volta de vinte días, dixo (foran algúns menos, só que daquela non falaramos; ás veces pasa por diante dun sen aparentar ver). Preocupáballe que tivera eu collido o coronavirus, díxolle á miña máscara FFP2 a través da súa máscara FFP2: el anda moi inquieto coa posibilidade de collelo. Semellaba considerar unha grande contrariedade o meu hipotético ingreso na UCI do HULA ou unha perda lamentable a miña hipotética morte. Preferín non pedir a necesaria aclaración, e ó tempo algo tenra achei a súa identificación coma membro dunha minoría, ben máis meritoria cá do activismo actual pola terrible soidade que implica.

O meu veciño poeta é, aparte de poeta, grafiteiro. Iso di, que podería moi ben ser unha coña, ou unha ficción. El non se presenta coma tal decontado. Di que “pinta”. E que pintas?, pregunta un. “Os grafitos”. Teño vistos algúns dos que el afirma ter pintado, e diría que a ficción, se tal é, resulta verosímil pola súa incoherencia aparente. Hai tempo disque pintou, ben preto da miña casa, por certo, un que identificaba a obra dun pintor coas cagadas das galiñas. Eu interpretara mal o texto. Coidaba que lle chamaba merda á pintura do fulano, e non. Explicoumo estoutro día. O “e” entre o nome e a merda era conxunción, non verbo. Quixen saber que sentido tiña tal asociación. “Xa non me lembro”. Seica lle suceden moito, eses “lóstregos asociativos”.

O meu veciño poeta e grafiteiro e máis eu temos en común que coidamos que o que de certo importa na vida é o que menos parece importar. Non comprende o símil das cancións da radio, pero si sabe que xa vive pouco máis que para a beleza. Tiven que decepcionalo un algo cando lle revelei que xa esquecera o último que lera de T. S. Eliot. Con todo, creo que me ve coma un membro do seu club. Dígoo porque, antes de se despedir, diante do meu portal, me preguntou, sen ningún ton en particular nin vir ó conto, se eu cobraba unha paga. O meu veciño poeta e grafiteiro cobra unha non contributiva, solicitada no seu día seguindo o consello de certo escultor moi célebre en Lugo.

O meu veciño poeta e grafiteiro afirma ser esquizofrénico, pero algo é algo.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s