Matthew McConaughey e os tomates

Foto: Gábor Adonyi

Unha coñecida miña coa que aínda falei o outro luns pertence a unha caste que, polo menos ata non hai moito, era ben abundante. Gábase de ter cotizados na Seguridade Social vinte anos de traballo temporal. Ultimamente non, mais anos atrás recomendaba a calquera con facturas pendentes de pago o camiño do emprendedor, por dicilo así, coma se calquera tivera esquecidos dentro dun calcetín uns milleiros de euros para armar unha start-up de futuro sempre ben incerto. Tamén se gaba de ter logrado eses traballos temporais a forza de mentiras: invariablemente, e fose cal fose a tarefa, afirmaba ser unha experta nela, ou case. Atopa inconcibible que haxa quen non faga o mesmo. Entende que a honestidade supón a autoexclusión. Nunca lle preguntei pola súa orientación ideolóxica; imaxínoa asistindo a simposios sobre emprendemento e a mítins que terían en común demasiado, desde os traxes e gravatas ata a prédica acesa a favor dos que non se queixan nin sequera cando teñen todo o dereito a tal.

Esta muller ve a vida coma unha sucesión de heroicidades pequenas, e para moita xente así é. A ignorancia voluntaria das propias limitacións, que deixa á persoa tan preto do éxito coma de causar unha hecatombe, é algo sen o que esa vida se pode volver moi complicada por esixencia social. Todos coñecemos historias de quen ocupa a posición que ocupa e ten o que ten porque un día entrou onde se lle prohibiu que entrara. Mesmo onde non era sensato, tanto polo seu ben coma polo de outros, que entrara. Se vas mocear e sabes bailar tan ben coma un penedo, non haberá moza á que lle enchas o ollo se non fas por bailar, logo non terás moitas probabilidades de atopar con quen compartir un alugueiro, unha lavadora e, máis adiante, un recibo da contribución e dous fillos se non fas por bailar. Comentaba o actor Matthew McConaughey, lembrando o seu gusto polos espectáculos de loita libre, que sendo noviño foi a un armar baralla. Botoulle por enriba a un dos loitadores unha presada de tomates moi maduros. Cando o expulsaron do recinto, volveu entrar por unha fiestra e repetiu a falcatruada con outro. Foi unha infracción do regulamento por partida dobre que seguramente lle valeu a admiración de outros. Nas probas que fan as promocións grandes de loita libre nos USA, por certo, os veteranos dese mundo recomendan ós aspirantes que esaxeren a súa estatura e peso. Moitos acabaron por gañar un contrato así.

O momento no que falei coa miña coñecida liberal-emprendedora é o da lamentación colectiva por mor da neglixencia dos que non respectan unha corentena ou non usan correctamente a máscara ou se xuntan a facer un “macrobotellón” ou as tres cando todo iso, que custa saturacións das UCIs e vidas e aumentos das restricións pandémicas, está estritamente prohibido. Pretendemos que o xogador de póquer que se criou cun as oculto no forro da chaqueta vire honrado agora porque precisamos os cartos da partida máis cá el. Ou que a miña coñecida recomende a honestidade nas entrevistas de traballo.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s