Guerreiros sen espadas

Carlos Giménez, o debuxante, foi o que se chama un fillo da posguerra. Nunha entrevista, conta que no fogar de Auxilio Social no que estivo internado mentres súa nai o estaba nun sanatorio (era orfo de pai), os nenos adoitaban apostar a comida a ver quen tiña máis “bichos”, e outras historias de maltrato e miseria que, supoño, non diferirán das que moitos outros da súa xeración e circunstancias poderían contar. A diferencia é que el tivo, se cadra, máis dificultades porque non quería ser funcionario ou electricista, senón debuxar o que hoxe chaman novela gráfica, e unha novela gráfica non demasiado lúdica, por enriba. Teño dito que non me acaba de encher o ollo a arte militante e así é, e con todo recoñezo que o camiño que el tomou, por moita sorte coa que finalmente acabou topando, é de valentes.

Sabe tamén Giménez moito das falcatruadas da censura franquista. A que coñeceu cebábase en especial no humorístico (significativo) e no violento, seica. Daban instrucións para que nos tebeos do Oeste non morrera ninguén; só lembro algo dese xénero nesa época no que tal sucedera, e non era un cómic, senón un filme de Amando De Ossorio. Seica o daquela Ministro Fraga Iribarne andaba moi teimudo coa prohibición da representación das armas, ata o punto de que a capa dun número de El Guerrero del antifaz consistía nun fato de guerreiros con expresión de ardentía correndo cos puños en alto nos que, por congruencia, debera haber espadas e foran suprimidas. Nin Fraga nin os censores se decatarían, deduzo, mais estaban a facer arte tamén deste xeito, pois qué e o absurdo, máis ca arte?

Moitos días me ocorre que me ergo sen saber que día é, se luns, se xoves, se domingo. Cada vez é máis complicado sabelo: todo semella volver ó que era onte. Sesenta ou setenta anos despois, temos que andar pola rúa con tento de non ir dar co mesmo can con distinto colar, non vaia trabar. A humanidade, a parte dela que demanda safe zones nas universidades e bloquea e “reporta” nas redes, cando menos, está nesa fase na que nunca olla para o cadáver que furou a tiros por non ver as súas propias balas. A figura do xusticeiro parécelles retrógrada e censurable, e ó tempo están pedindo leña contra quen se lles faga retrógrado, quere dicirse, están a clamar por un xusticeiro. A mesma violencia que demandan é a que non queren ver en novelas, nin en campañas publicitarias, nin mesmo en tuits, ben por atopala ofensiva, ben incitadora á violencia física, ben por ambas. Son coma os espectadores de filmes de terror doutro tempo, aqueles que acudían á estrea de canto lles impediría erguerse para mexar de madrugada sen prender a luz.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s