Cando non arderon os contedores

De Pablo Hasél veño de reparar nun detalle que me pasara desapercibido: ese seu apelido artístico, que era o nome dun rexicida de conto árabe, seica leva til no e. Sabía da existencia do home hai anos, por mor das súas agarradas con case todo o mundo e non pola súa música, que ignoro por completo. El chámalle “arte revolucionario”, entendendo revolucionario como activista ou militante, cando son termos para min incompatibles. O caso é que eu sempre o dixera mal: “Ghásel”. É un detalle importante, nun mundo no que aínda non sabemos ben se se di “bíden” ou “baiden” e temos a certeza de que os nomes cataláns Artur ou Roger non se pronuncian como teñen por costume facelo nos medios de comunicación, Ártur e Róller, nin que foran de Baltimore. Das persoas, unha das primeiras cousas que se deben coñecer é a pronunciación certa dos seus nomes.

A Hasél condenouno un tribunal por ser un artista de pésimo gusto. Polo que se ve, é a versión rapeira do Javier Krahe do Cristo cociñado. Un exemplo entre moitos. Supoñen os autores da condena a Hasél que o seu fraseo pode producir greas de perturbados portadores de fachos dispostos á queima do Rei ou Rei Emérito de España (creo que foi ó Rei a quen inxuriou; se non é, que me podo confundir, pois o fulano ofendeu, ameazou de morte ou bateulle ás tres cuartas partes da humanidade, léase aquí a persoa inxuriada) como supoñían os da de Krahe que se cadra Xesús de Nazaret podía perder prestixio como mártir a ollos do colectivo nacional de beatas unha vez escoitaran a explicación de tan horrorosa receita. Eu que sei. Supoño que debe ser esta a idea. Unha argallada todo. Un despropósito.

Vendo as noticias do rebumbio que se armou non ben o mandaron para o caldeiro, caio na conta doutra diferencia. Oíndo breves entrevistas a algunha xente moza, non sei se participantes directos no intercambio de estopa cos mossos ou só simpatizantes dos participantes, deducín que elevaran a Hasél a santo patrón das inxustizas que afirmaban padecer, mesmo da súa precariedade económica, non sei en base a que razoamento. No que caín na conta é en que neste país fixáronse hai moito tempo uns topes de cotización mínimos para ter dereito ó cobro dunha pensión de xubilación que obrigarán a esa xente moza a traballar ata os noventa anos ou arredores. En que pides vez para o especialista e che dan para dentro de tres meses ou un ano, e en que saes do hospital aínda sangrando polas feridas. En que as empresas de telecomunicacións e enerxía e os bancos teñen carta branca para poñer os prezos que teñan a ben poñer e cobrar do xeito en que teñan a ben cobrar. En que hai trinta anos se ofertaban empregos a 800€ ó mes para titulados sen inglés nin outros coñecementos alleos á súa profesión, e que hoxe se ofertan empregos para titulados coa esixencia de coñecementos de inglés e case todo ídem alleo á súa profesión imaxinable e varios anos de experiencia a 850€ ó mes. En que, nunha entrevista de orientación laboral ou nun curso do paro, é o máis normal do mundo que o orientador ou o formador recomenden tirar un billete a Berlín, Londres ou Nova York. En fin. Caín na conta de todo isto e pregunteime como fora que non arderan contedores cando tal comezara a suceder, nin cando segue a suceder, e estou case seguro de que non arderán cando suceda mañá.

Hai unha escena no filme Harry Brown na que Michael Caine, que fai do xusticeiro xubilado do mesmo nome, se ve no medio dunha algarada causada por unha redada da policía londinense nun barrio de mala morte: chuvia de croios e tixolos contra os antidisturbios. Entón compara o que el, que fora militar de elite do exército británico, vivira no Ulster no tempo dos eufemísticamente chamados “Conflictos”. Reflexiona: daquela polo menos, os rioters loitaban a prol dunha causa, mentres que os rapazolos canis dos projects só o fan por matar o tempo. Sospeito que tal se podería aplicar a non poucos dos manifestantes/saqueadores destes días. Que non saberán moi ben quen é o seu suposto santo patrón Hasél, nin o que de certo representan os seus actos nin os de quen o meteu preso. Que, como dixo Harry Brown, “to them out there, it’s just entertainment”.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s