Os viláns, as vilás

Mirando El Halcón Maltés, que dan con certa frecuencia no TCM ultimamente, non canso nunca do personaxe que interpreta Mary Astor. É a mala do filme e é perfectamente realista (dentro do concepto de tal na arte, claro): con case toda probabilidade, todo humano ten ambicións espurias. É unha evidencia que hoxe se nega con frecuencia, porque, de admitirse, empecería certas iniciativas: escarallaría propagandas. Pero é así e sempre será, tanto se nos presta coma se non. Moita xente pretende vivir a realidade como se fora ficción, onde hai heroes e hai viláns e todo é sempre máis sinxelo do que realmente é. O que manda carallo é que, lonxe da inadaptación, como talvez sería lóxico pensar que deberan estar, esta xente acada a plena normalidade social.

Se, como escritor, lector e espectador, algo boto en falta estes días, son bos viláns, e especialmente boas vilás. No tempo no que se fixo o filme do que falo, malia que pareza mentira, abondaban. Unha que case todo cinéfilo citará de memoria era Barbara Stanwyck, por exemplo. Digo que parecerá mentira porque aquel cinema, malia estar algo mitificado, tiña as súas eivas, os seus momentos sen sutileza. A vilá era ese ser irresistible que forzaba ó protagonista, mediante a sedución, a cometer actos desprezables. Non era culpa del, pobriño: era ela, que era o demo encarnado. E que se pode facer contra as malas artes do demo? Quen se pode resistir a elas, por moito que queira? Así de inocente e algo misóxina era a idea fundamental daquelas historias espléndidas.

Se hoxe lle fixeran un remake, case seguro que supoñería unha adulteración definitiva. As maquinacións e os actos da vilá explicaríanse mediante unha exposición das súas penalidades vitais que tería como conclusión que todo fora culpa da sociedade patriarcal ou cousa semellante. Sería, pois, vítima e non vilá. Pasa cada día, a cada minuto, na ficción actual, cinematográfica, literaria, é igual (na ficción de aquí é algo extremo xa). Cos viláns adoita ser un pouco diferente. Son monicreques sen profundidade psicolóxica. Xa falei disto antes por aquí, a propósito dos slashers literarios.

É unha pena. O vilán, a vilá, se están ben feitos, se non se pretende reducilos nin á condición de obxecto animado, nin dar xustificación ás súas maldades, é o mellor personaxe de todos, porque pode ser os tres da Comedia da Arte nun só: o pícaro, o bufón e o vilán, por descontado. Creo que cando matamos ó vilán, á vilá, matamos o corazón e matamos a cabeza. Quedamos coa nada.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s