Engados

O meu veciño poeta preguntoume onte se lía El País. Ás veces parece que coñeza todos os meus pasos e ande a rir dun con finura. Os domingos é o único día no que compro El País. El dicíao porque alí escribe Manuel Vicent, que é moi do seu gusto como prosista.

Manuel Vicent paseaba polo Madrid dos 80 cunha gorra de mariñeiro, que é unha especie de declaración de intencións, como adoita dicirse, e daquela ceibaba divagacións máis ou menos poéticas sobre a arte de seducir mozas moito máis novas ca un, coma tantos da súa xeración sabino-autesca (ceibaban esas divagacións, quere dicirse; seducir en verdade xa non sei) coma se fose unha práctica con moito encanto. O meu veciño lamenta que lle custe diferenciar os escritores en castelán de hoxe uns doutros. Tantas cousas non cambiaron en corenta anos, logo.

Vicent escribía onte na contracapa do xornal, a conto deste 8-M, o predicible panexírico da figura feminina, que non sei se, como lles sucede a tantos, tantos outros columnistas, non será o mesmo cada ano. Concluía que as mulleres, que pintaban os bisontes mentres os homes se entretiñan en darlles caza, seica, arranxan sen reproche nin lamentación todas as idioteces destes. Lembro que, desde sempre, é típico de homes terriblemente machistas predicar a suposta mellor calidade humana das mulleres. Cando a algún lle caía nas mans desde o ceo unha cantidade importante de cartos, é un supoñer, dáballos á muller para que os gardara, porque “vós tedes máis cabeza”. As barras dos bares están ou estaban cheas de loas á intelixencia feminina. Créase ou non todo isto: eu ben o vin. Igual ca Vicent o ceiba para as súas lectoras, dito sen a menor mordacidade, pois é columnista, se non sempre sutil, si de moitos trienios, estoutros ceibaban un caramelo que aliviaría a gana do doce das que tragaban tanta ponzoña moitas veces por causa deles mesmos, de xeito que volveran ás súas potas sen lavar e á medicación dos seus sogros en solitario e sen armar liorta ningunha. Como elas non os ían buscar ó bar ás once da noite, eles supoñían que dera resultado o engado.

E corenta anos despois, os escritores seguen falando todos igual e algúns engados seguen a ser efectivos.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s