Unha canción alterada

Un día estaba no Gadis e oín polos altofalantes unha canción que tiña escoitado cincuenta mil veces antes, por aqueles mesmos altofalantes ou polos doutro local. Era unha cancionciña medio chunda-chunda, en inglés. De tanto tela oído, e malia que non sexa nada do meu gusto, xa case sabía a letra toda. Mentres enchía unha bolsa de clementinas, fun recoñecendo as estrofas. E resulta que dei cunha fenda no predicible. Cando a voz masculina algo amaneirada tiña que dicir “You’re fucking crazy” (“estás coma as putas cabras do monte”, máis ou menos), dixo “You’re crazy-crazy” (“estás tolo-tolo”). Deixei a ver, por se escoitara eu mal. E non. O verso, que era parte do refrán, insistía na variación. Eu estaba completamente certo de que a canción dicía “fucking”. Xa que logo, fora gravada de novo con aquela reescritura pudorosa.

Boris Johnson é noticia estes días por seguir o camiño inverso. Atreveuse a confesar algo que penso que non poucos sospeitaban xa que é parte da súa mentalidade, e da de moitos máis a mover os fíos neste mundo. A afirmación a micrófono pechado de que o actual éxito da campaña de vacinación contra o coronavirus no Reino Unido se debe “á avaricia e ó capitalismo” é unha declaración de devoción polos instintos humanos máis baixos, un deles o da supervivencia, propia ou dos achegados, a calquera custo; a súa significación é conformista como o son eses alcaldes do rural de carreiros no sitio de estradas que, malia as carencias moi evidentes no terreo que gobernan, devolven os cartos da Deputación sen gastar un peso para caer en gracia ó Presidente. Lémbrame Johnson, neste sentido, a un dos dous protagonistas de Pan e coitelo, de Bieito Iglesias. O Conselleiro Carrodeguas asiste á hostilidade da súa muller (que é o que por aí chaman unha “progre”, unión matrimonial non pouco habitual na política institucional, por certo), molesta polo exercicio nada revolucionario do seu cargo, coa consternación de quen, inspirado polo que ben pode chamarse budismo pervertido, está convencido de que as cousas son como son e as heroicidades quedan para as novelas. Non comprende que ela non comprenda que, para acadar o obxectivo, cómpre moita paciencia e moito facerlle a rosca a quen corresponda.

Como queda dito, a versión “non ofensiva” da canción e a arroutada de sinceridade de Jonhson semellan feitos opostos: o defecto fronte ó exceso. E porén, acho que teñen en común ese cheiro bravo ó fundamentalismo. As dúas son cancións alteradas sen xustificación real, unha para matar a naturalidade, a outra para matar o sentido común, e as dúas para matar a liberdade.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s