Outra “unpopular opinion”

Foto: dexmac221

Onte pola mañá abrín a ventá e, mirando para o ceo, aventurei que había precisar as botas e o paraugas. Coidei que o que estaba a ver por enriba dos tellados coma unha tonelada de cinza era unha nube. Xa na rúa, deume que pensar o que viñan falando un par de fulanos por tras das súas máscaras. Compadecíanse dos empregados; a empresa non che tiña duda, como din por aquí. Tamén cambiaron opinións sobre a facilidade coa que se inflaman os químicos. Botei unha ollada por enriba do ombreiro e foi cando saín do meu erro. Ningunha nube botaría raíces na terra coma un carballo moi inclinado cara a esquerda, que era a feitura aproximada do que estaba a ver aló atrás; máis ca na terra, direi mellor en varias naves industriais. Canda o pan e o xornal recibín de balde o avance informativo de mostrador. A conxectura maioritaria suxería que a pandemia deixara unha ruína que en parte aliviaría o cobro dun seguro contra incendios. En cidades coma esta dáse ás veces a convicción de que o lume soluciona o que ningunha administración pode ou amosa vontade de resolver.

O xornal traía un artigo de certa celebridade no que, no texto destacado, afirmaba que estaba a superar este tempo co apoio das súas persoas máis íntimas. Non lin o artigo. Intuín a que “tempo” se refería. Desde o día un do confinamento, nos medios e nas redes persiste o tema do deterioro psicolóxico de quen se debe confinar, causado pola incerteza e pola imposibilidade de facer unha vida social coma a que se adoitaba facer antes de marzo pasado. Fálase de depresións e empeoramento de doenzas mentais. As dúas cousas son comprensibles: a sanidade pública leva sen tratar con xeito ós doentes mentais desde que a Felipe González lle deu por pechar sanatorios a ducias nos 80, coas consecuencias que eran de prever. Lóxico é que a xente se deprima: en países coma este entre Ortigueira e Cartaxena e entre Reus e Lepe, non cómpre moito para se deprimir, apenas abrirlle a ventá á realidade como eu lla abrín á nube de tóxicos (e igual que fago coa realidade sempre que podo, volvín pechar decontado). Tamén unha preocupación pola saúde de parentes e amigos entra dentro do normal. E digo preocupación, que nada ten que ver coa depresión, pois a primeira indica certa esperanza, mentres que a segunda supón a resignación. Mais deprimirse por non poder ir de copas ou de vacacións a Valencia se cadra implica que a estrutura existencial do interesado barra a é algo precaria, por frívola.

Se eu non notei depresión ningunha, non digo que non poida ser porque peor da cabeza do que estou non podo estar. Hai que estalo, supoño, para pretender vivir como vivo. Non me perturbou a incerteza cando a fin destes días estraños non se albiscaba, nin me perturba agora. Tróuxome a irritación e a impaciencia, coma a tantos outros, imaxino, ós que non lles queda outra ca pagar polos pecados e a teimosía alleos. Se se trata de manter á natureza lonxe da porta, xa que traería unha morte rápida no sitio da morte lenta que é de rigor en seres civilizados, era e é cuestión de tempo que o ser humano arranxe de mellor ou peor maneira o que desfixo, antes da vindeira desfeita, que un día será irreversible. Motivos máis poderosos para a coita hai ca se ver na “obriga” de incorrer nunha maratón de series televisivas ou ter que tratar a xornada completa con aqueles con quen se decidiu sen mediar coacción compartir unha vida e/ou crear descendencia.

Ogallá os rumores estean, como non é raro que suceda, errados, e o lume que causou o que eu confundín cunha nube sexa debido a un cable pelado na instalación eléctrica. Do contrario, as depresións que ese lume traería, de prato medio baleiro e recibos devoltos polo banco, porque a máquina non para perante infortunio ningún, como ben claro quedou, si que serían dignas dun artigo lacrimóxeno.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s