Machen en Galicia

Nun día revirado, estaba eu dando unha volta e acabei na Praza Maior, e alí deuse unha coincidencia non máxica, si dun humor putañán. Foi o pasado 17. Se cadra por iso había alí un posto de libros de segunda man, onde atopei La colina de los sueños, de Arthur Machen, a un prezo razoable mesmo para min. Machen escribía ás veces autobiografía ficcionada. Nesta novela, o protagonista, o mozo Lucian, lembra moito ó mozo que el debeu ser: os dous eran fillos dun pastor anglicano dunha vila galesa, os dous estaban fascinados por aquela terra, a súa paisaxe, o seu pasado e os seus mitos e os dous marcharon moi novos a Londres para pasalas negras por mor da imposibilidade de cursar estudos superiores e a tendencia ó estudo do “inútil”, como di Lucian.

Había ben tempo que non a relía. Dela quedárame na memoria, se cadra coma ós máis dos que gusten do que Machen escribía, a parte máis onírica, e non a máis realista, tanto ou máis interesante, que fala dos esforzos literarios de Lucian. As páxinas nas que se explica o destino da novela que mandou a uns requintados editores londinenses fanse, desde a distancia que impoñen cento e tantos anos e unha ambientación inglesa, un chisco actuais hoxe e aquí. Cóntasenos que recibiu de volta o manuscrito canda a típica carta de rexeitamento en ton cortés máis un catálogo dos recentes lanzamentos da editora. Case todos os que alí publicaban, explícase, eran mulleres que escribían novelas en tres volumes e todas recibían as loas da Press, da Review e dunha tal Miranda da Smart Society. Unha das novelas, dunha tal Sarah Pocklinton Sanders, era considerada “digna de figurar na mesa da clase, na biblioteca do salón ou debaixo da almofada da máis docemente formada das nosas fillas, o que é un grande mérito neste tempo de cacarexar clamoroso dos autoproclamados ‘artistas’. Queremos comunicar á xente nova que fala de estilo e literatura, de harmonías da construción e da prosa a nosa convicción de que o público lector inglés seguirá a ignorala. O pasatempo inofensivo, unha moderada cantidade de intereses domésticos, o fiel reflexo da vida esforzada e baril no eido da caza, as imaxes da inocente e saudable adolescencia de mociñas inglesas (….) Eses son os temas que sempre atoparán unha cálida acollida nos nosos fogares, de porta pechada para o estilista escrofuloso [sic] e o artista mal peiteado.” A única diferencia fundamental é que a Lucian acabarán por lle plaxiar parte da novela, algo que a el lle resultará indiferente. Ó decatarse, só pensará en mellorar o que escribe para que todo sexa digno de plaxio.

Eu pensei que, cambiando nomes e anacronismos, o que hoxe se entende coma aceptable e mesmo positivo non é moi diferente dos “pasatempos inofensivos” e dos “intereses domésticos” e das “imaxes” de inocentes e saudables adolescencias. Hoxe temos Sarahs Pocklinton Sanders que queren pasar por estilistas escrofulosas e artistas mal peiteadas, mais a intención é a mesma: indicar e impoñer o que supoñen boas maneiras.

E tamén pensei que ser un Lucian, que é o destino que nos deixan, éche fodido de carallo en calquera vida.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s