Os mantidos

Hai tempo que os xornais se me fan tan monótonos de ler coma os folletos dos supermercados. Os folletos case nunca traen ofertas que un poida aproveitar; os xornais, case nunca traen noticias que a un lle digan algo novo e interesante. Paso as follas por inercia. A sección de Política, hoxe chamada con certo eco franquista “Nacional”, lémbrame a profunda inutilidade de tomar en serio nada do que alí se poida ler, sendo como é tan eufemístico ou variable en periodos de tempo non longos. O máis entretido dun xornal adoitaban ser os Sucesos, tamén denominados dun xeito menos elocuente hoxe, pero tamén na crónica criminal actual, proselitista ou imprecisa, se nota a falta de sal. Entre os Deportes e os especiais de fin de semana está o máis pasable. A sección de Cultura ficou medio amalgamada coa dos díxome díxomes, polo menos no verán, por iso non é de estrañar que, procurando a milagre de non ir dar con información sobre (os mesmos) libros ou filmes que xa quedan publicitados de xeito ben repetitivo noutro cento de formatos e lugares, aparte do boca-orella, un ha de pasar á forza pola parte dos amoríos das estrellas da telerrealidade e da vida famosa vidas a menos.

Neste camiño, batín esta semana cunha nota, máis ca artigo, no que unha individua chamaba “mantido” a un individuo; supoño que terían compartido lavadora noutro tempo. Cavilei no significado negativo que tal palabra aínda parece ter. Implica unha condición parasitaria e/ou deshonrosa da persoa así chamada. Normalmente aplícase a aquela que carece de oficio (pagado) coñecido e se limita a vivir do diñeiro que outra lle dá. Eu, que son de opinión impopular para case todo, témome, nunca lle atopei, por contra, explicación a que tanta xente considere mantida á persoa neste caso e non en calquera outro, quere dicirse, cando se dispón dun traballo e un salario.

Pois todos somos mantidos. É mantido o albanel, o político, o enxeñeiro, o escritor, o “vividor”, o gandeiro, o xornalista e máis o hacker. A diferencia reside apenas na fortuna de cada un dos devanditos na súa procura de sustento: uns viven con miles de euros ó mes, outros cunhas moedas no peto para un café; uns teñen que pescudar acerca da moda vixente á hora de queimar a fariña do demo (case sempre deportivos charramangueiros, casas de construción definida polo desperdicio de espazo e outras iniciativas do peor gusto), outros nunca dan saído do piso dos pais ou do crédito que botou a rolar un negocio que non acaba de funcionar; a uns mantenos un familiar ou un amigo caritativo, cumpridor sen máis dun rol social establecido ou, por que non dicilo, e en particular no caso das parellas, satisfeito co que a compaña ofrece, malia non ser achega material; a outros, o Estado; a outros, o xefe e/ou a clientela. Mais todos, cumpran funcións imprescindibles neste mundo de necesidades máis ou menos artificiais ou non, son aleatorios na súa posición, e todos lle deben máis ou menos ó azar e, como deixei dito no seu día, todos dependen. E moi poucos son quen de percibir que, deixando a un lado o dito, o máis importante que teñen en común, e non é pouco, é que todos seguen vivos, e que os que saben a que veu un ser humano a este mundo son os menos afortunados dos mantidos.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s