As novelas populares boas (e mailos que as escriben)

Non sei se é o que pretende, pero César Lorenzo Gil está a ser o xerador de polémica oficial da literatura galega nos últimos tempos, que igual non é dicir moito, pero menos é nada. O outro día pedía novelas populares en galego. A min pasoume unha vez, falando polo Twitter con certa crítica e estudosa da literatura de aquí, que mencionei a “literatura popular”: o entusiasmo dela durou ata que lle aclarei que me refería á novela de peto, non á tradición oral, momento no que interrompeu a comunicación de vez. Hoxe aquí xa non se dá tal problema de comunicación. Existe literatura con intención de vender, que non é exactamente o mesmo ca “literatura popular”, como ben puntualizou non sei se o propio Lorenzo ou alguén no Biosbardia pouco hai. Existe, en todo caso, algo que se achega máis ó gusto do común da xente có que adoraba aquela crítica e có que defenden con frecuencia certos escritores deixados de lado polo chamado sistema literario galego.

Mais ese algo, no tocante a frescura, novidade e sutileza, deixa un tanto que desexar. Lorenzo querería novelas de xénero, si, pero feitas con xeito, por resumir a súa exposición. Desexo moi de loar. A súa escolla de autores segundo el capacitados para escribir estas novelas xa me parece cuestionable. No da novela erótica igual me pode a subxectividade, porque sempre me pareceu que o erotismo como tema principal na literatura é coma o chocolate mesturado co xamón, mais no demais, aprecio que se lle vai demasiado o criterio polos camiños do pasado. Os máis dos autores que cita, aparte de teren dado no seu tempo moi boa literatura popular que pasou case toda desapercibida, se algo escriben, semellan estar neses anos nos que xa non hai présa e moitos días nin gana de darlle á tecla e nin falta que fai, non sendo, talvez, os máis axeitados para manter o ritmo dunha maquinaria que debe producir as 24 horas a caldeira chea. Existen autores na súa plenitude, por sermos cursis, que poidan facelo? Penso que si, e tal lle dixen ó propio Lorenzo, se ben a afirmación podería ser bastante optimista. A parte visible do sistema está formada basicamente polos aspirantes a supervendas, por un lado, e polo outro por autores e individuos de perfil académico, e no que concordan uns e outros é que en que non queren saber nada desa literatura popular que lle prestaría a Lorenzo, os primeiros porque lles vai moi ben co seu método actual ou a tal aspiran, e os segundos porque entenden a literatura como un pasatempo dignificador non sei ben se da sociedade, da humanidade ou de que. Despois estamos os que caemos no medio, que somos coma a lebre á que lle deu por vir rillar a un campo de batalla, trincheiras á esquerda, trincheiras á dereita e os obuses a asubiarlle por enriba das orellas. Gustaría de estar equivocado, pero aventuro que somos ben poucos. Nos dous bandos hai, seguramente, quen podería tirar por esta terceira vía, mais é complicado convencelos, a uns por razón material e do ego, a outros por razón inmaterial e do ego.

Tamén querería Lorenzo editores comprometidos co que o seu labor debera ser. O editor do que sempre se fala nos artigos da internet sobre como ser “autor de éxito”, xa sabedes: os que están sempre enriba do escritor, os que indican correccións e dan consellos ou, como el di, os que identifican os erros de raccord. Paréceme moi bonito porque non estou aí. Se chego a estar dando ó prelo unha desas novelas das que Lorenzo gustaría de ler e un editor se me pon minucioso acerca da trama ou do final, non sei que lle había dicir, sabendo que vou cobrar cinco pesos. Que si, que xa sei que se nota que acabei os estudos na Piringalla (os lucenses ben entenden), mais non acho xeito máis eficaz de explicar o hándicap.

Ademais, erros de raccord? Toda ficción, a mellor ou a peor segundo quen opine, inza de erros de raccord. A ficción literaria, audiovisual, a que se queira, é un enorme erro de raccord. Toda trama da novela histórica, negra, etcétera máis verosímil se viría abaixo a pouco que a realidade lle ceibara un par de couces, tampouco sen moita forza, nos muros de carga. Hai escritores que logran que o lector esqueza a realidade, máis nada.

Todos coñecemos exemplos desa literatura popular boa. Mira un un pouco nos catálogos de Anagrama ou Gallimard, sobre todo nos dos 90 cara atrás, e velaí. A cuestión non é, creo, se queremos esa literatura, senón para que a queremos: para que a lean un par de críticos, ou todo o resto do mundo, e se o segundo sería posible, e se alguén querería escribilas.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s