Noutro verán

Foto: Peggy Choucair

Polo falar, a moza debía ser dalgún punto entre Juárez e Turbo. A súa pel era dun torrado indefinido. Pousou a guitarra acústica co mastro contra a barra, pediu unha botella de auga para levar e un chupito de licor de hierbas. Botoume unha ollada lóstrego por entre os rizos tinguidos. Logo preguntoulle á camareira se podía cantar alí fóra, na terraciña aberta ó Campo Castelo; chamoulle princesa. A princesa, que era de Recife ou arredores e tiña os meus anos e dous fillos case adolescentes, dixo que si. Enviou o chupito e botouse fóra con toda naturalidade, porque seguramente facía aquilo todos os días.

Teño un gusto musical se cadra demasiado esixente: quedei nas voces sofisticadas dos neorrománticos e en Ella Fitzgerald, por exemplo, e normalmente non gusto de oír cantar á xente se non é a xeito de parodia, e ás veces nin así. Se cadra por iso non lle atopei a gracia ó que cantou a moza, que non era moi diferente do que cantarían tantos outros músicos da rúa. Nunca logro tomar en serio estes esforzos, por loables que sexan, os esforzos, digo, non tanto os cantares en si. Supoño que teño moi presente que todo é, a simple vista ou no fondo, máis ben fútil. Que ben daría un como antagonista de Batman.

Mireina pasear a gorra polas mesas. Se lle compensou ou non, nunca o souben. Isto sucedeu noutro verán, hai uns anos. Non volvín ver á moza. Habíao ter complicado no negocio musical, tendo presente a voluptuosidade de bazar chinés de Rosalía e demais raíñas do son enlatado. Tampouco sei por que lembro todo isto hoxe, nesta tarde que ameaza unha tormenta que nunca acaba de caer. Se cadra é porque sei que a tormenta sempre acaba caendo, e con todo aínda me incomoda non saber o momento preciso.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s