Falar sen cancelas

Foto: Engin Akyurt

A esa muller que vive á outra banda da rúa, que debe ter os meus anos ou pode que algúns máis, que cando nos cruzamos desvía a ollada cunha violencia que dista moito de facer do aceno algo casual, diríalle que fale as cousas sen cancelas.

Esa muller que debe ter os meus anos, se cadra algún menos, digo, e ten unha cativa duns 10 anos ou así, e penso que outra máis pequena, e seguramente un marido en consonancia co que debe ser a súa vida de andar a facer as maletas ás présas os venres para ir a Viveiro ou a Ribadeo para ficar deitada na area de dolce far niente mentres a descendencia o permita e de volver o domingo á cidade con máis amargura ca premura. E ten unha voz de timbre alto e ton imperioso, como lle ocorre a moitas persoas de aspecto delicado. Digo isto porque a oín falar con outra xente. A min nunca me falou, e con todo díxome moitas cousas, mais ningunha sen cancelas.

Se algún día quixera facer tal, diríalle que é mellor así, en particular nestes días de entre 14 e 31 graos (sensación de 17 e 38). Que ás veces non paga a pena evitar as leas; Oscar Wilde díxoo doutra maneira, falando das tentacións, que aquí pode ou non ser o caso. Que se algo teño, e poida que máis nada ca iso, é sentido do humor e lombo para apandar. Que non tema, pois, pola miña pel, porque é coma o coiro dos cintos caros. Vale máis ceibar o que haxa que ceibar, non vaia ficar dentro ata o día de ir para a burata. Que iso si que é fodido.

E que carallo, se tira pola banda de Oscar Wilde, tampouco se prive de falar, que son moi comprensivo. De falar sen cancelas.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s