Non máis guerreiros

Foto: Manfred Richter

Hai moitas posturas no tocante a certos asuntos fundamentais que, sen revelar todo sobre unha persoa (por moito que moitas así o crean e cometan o erro de lle turrar pola corda á curiosidade), si que evidencian eivas que imposibilitan unha relación axeitada con quen teña unha diferente. Hoxe é común que se confunda, que esa é outra, o fundamental co aleatorio, o principal co secundario, e en consecuencia se pretenda negar a complexidade humana. Un asunto para min fundamental é a filosofía e a política vital: o que un entende que ha de ser a vida e o xeito no que se ha de gobernar a propia.

Así, hai unha declaración de intencións moi de actualidade, pronunciada cun orgullo que me sume na incomodidade aínda no asento máis acolchado, que me lembra por que moitas das miñas mellores conversas as teño comigo mesmo. É esa mediante a que unha persoa se cualifica a si mesma de “guerreira” perante a vida. Non é que me moleste que a xente adopte unha actitude combativa. O que me renxe é a falsidade coma un tráiler de catro eixos que adoita implicar tal afirmación. Coñezo centos de persoas “guerreiras” e, contradicindo o que sería de esperar e desexar dese cualificativo, a súa filosofía é o optimismo sen base sólida ningunha de calquera charla de calquera coach de aspirantes a emprendedores á maneira de San Fernando Valley, e a súa política é que me boten o peso que queiran, que ben terma este lombo del.

Esas persoas ben poderían chamarse guerreiras, certo, mais unicamente no sentido militar estrito: tropa. Pois a boa tropa limítase a apandar co que manda o oficial, sen unha queixa, dando mesmo o derradeiro folgo, se fose preciso. Do mesmo xeito, estas persoas guerreiras limítanse a apandar con canto o Estado e a sociedade dispoñen e esperan que apanden. Elas non o entenden así, claro: polo contrario, coidan heroica, ata pode que revolucionaria, a súa conduta.

Non sei vós, eu non quero máis guerreiros. Chega de guerreiros, como tería cantado Elizeth Cardoso. Non quero máis xente que apande. Quero xente que, non ben descenda o peso camiño do seu lombo, asumindo as consecuencias graves e inevitables, se quite do medio. Sequera por ver que fai a máquina se algo así sucedera.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s