Un barrio feo

Foto: Esa Riutta

Cando souben da arroutada definitiva de Jake Davison, o primeiro que fixen foi procurar Keyham no Google Maps. Plymouth quedábame algo a desmán para unha visita presencial. As imaxes, en particular as rotatorias, amosan un barrio feo, debo dicir. Un monte de casas case idénticas e sen a menor persoalidade malia dataren da era vitoriana algunhas delas, polo menos, calculo, as construídas con ese ladrillo visto estreito da cor do sangue callado, tan inglés; engádase algo de verde e moito cemento. Máis nada. Un neno pode criarse alí perfectamente feliz, porque na infancia a despreocupación que deixa a imaxinación ceibe fai que todo se vexa moito mellor do que realmente é. Para alguén occidental de 22 anos, debe ser un lugar do que fuxir a dar cos pés no cu en canto se poida.

Despois procurei noticias. A cobertura da BBC centrouse nun aspecto en particular do asasino e suicida: a súa suposta condición de incel, é dicir, de varón resentido co sexo feminino por non dar logrado relacións duradeiras ou só de foder unha noite con ningún membro (desexado, imaxino) deste. Tiven que dar cun xornal español, non sei se El Heraldo de Aragón, para atopar ben detallado o dato de que súa nai, inquieta polo que ela coidaba un comportamento estraño de seu fillo, tiña solicitado axuda á sección de enfermidades mentais da sanidade pública británica, e que tal axuda lle fora denegada por “falta de persoal dispoñible”. Sorprendente, ou non tanto.

Os Jake Davison parécenme moi interesantes desde o punto de vista literario. Supoño que non serei o único, ou non debera, se é que no gremio de escritores se dá un mínimo de perspicacia. Un dos personaxes máis interesantes sobre os que se poida escribir. O insatisfeito social tallante, o derrotado pola vida, como el mesmo se definiu. Se queres falar da sociedade, non busques máis. Outra cousa é vender libros así, que ben sei que sería ben improbable. Ninguén quere saber destas profundidades deitado ó sol nun areal. Ninguén quere saber en que mundo vive se tal información non lle supón proveito ningún.

E con todo é innegable que a historia destes rautos é a historia da civilización humana actual, penso eu. Disque Davison, no seu modo incel, adoitaba botar pestes do Chad e máis da Stacy, alegorías do varón apolíneo co que a xente normal entende por éxito na vida e da venus que tolea por eses varóns, respectivamente. Davison non era ningún antisistema, contra o que se poida pensar, senón o contrario: quería ser un Chad, alguén normal, e sentía que non se lle deixaba selo. Outros, por contra, temos claro que a sociedade, o normal, fracasou hai xa moito. Fracasou cando cómpre saber dicir non ou alguén se aproveitará da túa bondade ou te tomará cariñosamente por idiota; cando se vai de manifa e se escriben moitas prédicas inflamadas nas redes e despois se apaga o teléfono porque mañá hai que ir botar horas extras que non che pagarán, e é o que hai, e mellor esquecelo a chupitos. Dous exemplos. Hai ducias, centos. E sobre todo fracasou porque, cando se lle demandan solucións ós problemas que creou, responde que non hai persoal dispoñible nese momento.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s