As cousas reais

Foto: Christelle PRIEUR

Certo personaxe de certa novela coñecía unha xornalista da esquerda elegante. O personaxe era un imbécil total. O primeiro que lle chamaba a atención dela era que resultaba apetecible para o sexo. O segundo, a súa biblioteca. E da biblioteca, máis que as novelas bastante posmodernas tipo Robbe-Grillet, o que el chamaba “libros reais sobre cousas reais”, quere dicirse, ensaios. Este personaxe tiña unha idea utilitarista da vida. O que máis valoraba era o coñecemento técnico, no sitio do goce do espírito.

Por cuestión de oportunidade estacional, supoño, levo visto ultimamente unha profusión de anuncios en prensa da enésima entrega da saga de non sei que, coa que Fulano Menganillo chegou ós catro millóns de lectores e publicidade nesa liña. Pode pensarse que o que Menganillo escribe é doado de escribir. Sería un erro: un supervendas efectivo viría sendo unha mestura equilibrada de telefilme vespertino, aventuras históricas ou detectivescas ou etcétera e, si, “cousas reais”. O seu lector remata e xa non o volve abrir nos anos que lle resten desta banda da parede do nicho, en favor doutros supervendas de trama e personaxes diferentes, mais ó tempo fica moi satisfeito pola dose de cultura xeral que aí papou. Entende que o autor entende, que non é un paiolo calquera, e xa que logo, tamén el entende. O lector de supervendas é coma eses pais ou mozas ou mulleres que observan com permisividade as afeccións bohemias dos fillos e os intentos dos seus mozos/maridos de facelas rir a forza de non tomar nada en serio, para agardar con paciencia a ocasión propicia para lles deixar caer, con máis ou menos tacto, que todo iso está moi ben, pero cando van facer algo de proveito?

O outro día vin un tuit da conta oficial da canle TCM na que, mediante un meme, explicaban que, mentres eles teimaban en armar a súa grella de programación con clásicos “imprescindibles” do cinema, o “grande público” estaba máis pendente do fútbol, das series turcas e da enésima reemisión de Pretty Woman. Non sei. Se cadra é verdade que ese “grande público” gusta diso e punto final. Ou se cadra ese “grande público” (mal)vive de tal xeito que apenas é capaz de tolerar nada que lle supoña o esforzo de aceptar que, ás veces, lle dirán o que non gusta de oír tamén nos libros e na televisión.

En fin, vou ler Edward Bunker (tiña sen ler Stark) un pouco. Igual me era mellor ler algo de novela negra viguesa, pero é que nacín para levalas, ou eu que sei.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s