O peor dos velenos

Foto: Devanath

“Toda a infelicidade do ser humano procede de non ser quen de ficar quieto nun cuarto”, dicía Blaise Pascal. Referíase á obsesión humana por cometer actos considerados útiles desde o práctico. Nótese que daquela era o século 17: aínda non había posibilidade de viaxar a Londres nunha hora, ser influencer nin armar una start-up. Tampouco existía, que saibamos, Silicon Valley, onde hai unha artista, unha tal Odell, creo, que predica a necesidade de vivir enfiando actos sinxelos e intranscendentes en aparencia, para goce do espírito, como moito, como pode ser apreciar a beleza da natureza ou dar paseos con andar repousado.

Aínda hai quen mesmo atopa contestatario o feito de non amosar a menor preocupación pola propia realización persoal. Moita xente vive co temor, consciente ou non, e permanente de estar a deixar escapar o tempo cada vez que fica sen facer algo que poida incluír no currículo, ou contar ós amigos unha noite de cócteis. Moita xente ve aberrante seguir á volta de 5 ou 10 ou 15 anos exactamente igual que estaba. É a ansia de non vivir dous días idénticos e de poder dicir que cada minuto foi aproveitado. Eu aquí comprando todos os días no Mercadona e botando todas as fins de semana a mirar filmes mentres están aí os castelos de Lozère, o lago Vitoria tan bombardeado por Idi Amin cando declarou a guerra penso que a Suráfrica (o poder militar ugandés só daba para lanzar misís que nunca chegaban a destino, senón que caían antes no lago), as momias de Atacama, Carnaby Street, a igrexa de St. Michan en Dublín e a súa cripta sinistra e as familias xaponesas que adoptan robots coma se foran fillos. Eu aquí selando a tarxeta no Servizo Galego de Emprego mentres podería estudar a elaboración de queixos exóticos no Piamonte e comprar unha granxa pequena a forza de pasar a pucha nas reunións familiares e poñer unha web para venda online. Esa dependencia que é moito peor có mono da heroína. É mesmo un algo ultracatólica, se se pensa ben, a idea de estar a apedrar a vida que nos deu Noso Señor.

Vendo os mesmos xubilados a sentar todos os días no mesmo banco, mañá e tarde, diante do meu portal, admito a lóxica dese desexo de evasión. Despois reparo nas colonizacións, na Revolución Industrial, no capitalismo, no product placement, no efecto invernadoiro, nas consecuencias para o organismo da dixitalización e nos discos de trap e reguetón e penso que o aburrimento, que foi, é e será o causante de que a humanidade teime en lle procurar sentido a algo que carece del, éche o peor dos velenos.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s