Yolanda e o concurso

Entrevistan a Yolanda Díaz na radio. Fala coma Pablo Iglesias, o vallecano, pero sen esa énfase innecesaria. Proclama cousas que ninguén razoable discutiría, coma a necesidade de reducir os «groseiros» beneficios extraordinarios das compañías de subministro enerxético en favor do pobo. Tamén di cousas non tan razoables. O ex político Antón Losada apónlle unha aura de «santidade» a xeito de crítica: eu fágoo todo ben, o resto dos políticos españois, todo mal. Neste sentido, falando as verdades, a autocompracencia de Díaz non difire da estándar en calquera político actual, como seres humanos que son.

É esta evidencia, a da condición humana botando por terra, máis tarde ou máis cedo, todo propósito de equidade, xustiza e limpeza totais, algo do que Díaz non semella ser consciente, porén. Nas súas respostas ás preguntas da veterana xornalista, máis ben un mítin interrompido por aquelas cada tanto, reitera o seu desagrado cara a loita de egos que ela entende que se dá na política actual. Semella sorprendida de que suceda tal. O certo é que así leva sendo durante décadas, como mínimo, e (sempre podemos equivocarnos) moi seguramente desde o primeiro intre da constitución do primeiro Estado da historia, con independencia de ideoloxías, partidos, intereses e circunstancias.

Díaz cualifica esta loita de egos, e tamén o xeito algo extremo no que se terían desenvolvido certas negociacións, coma «masculino». É textual. Repite esa palabra, masculino, masculinidade, atribuíndolle unha connotación negativa. Tampouco esta confusión, a de coidar que o razoable e o sensible é feminino e o brusco e categórico é masculino, é nova. É, de feito, un lugar común: un estereotipo de xénero ben antigo. Os estereotipos de xénero, raza, orientación sexual, etcétera, ideáronse para simplificar o complexo. Todos son falsos por inexactos, abismal e perversamente os máis deles. Digo perverso porque se pretende facer pasar o individual por colectivo, por signo identitario o que, como moito, é apenas un xeito diferente de expresar unha mesma mensaxe. Díaz non debera ser allea a esta explicación, logo das súas loitas de egos con varios membros da coalición gobernamental da que é parte: batallas nas que un dixo «Non» e outra «Comprendo que lle agradaría que tal ocorrese, mais a situación presente imposibilita que poida eu dicir si».

Seica o pirata Cálico Jack estaba ben tristeiro nas horas previas a ser aforcado. Era famoso porque levara dúas mulleres na súa tripulación. Unha era Anne Bonny, coa que tería un fillo, e que librou canda a outra, Mary Read, por misericordia das autoridades cara as mulleres. Pois seica Bonny o foi visitar nesas horas derradeiras e lle dixo algo semellante a: «Moito sinto verte así, pero se tiveras loitado coma un home, agora non terías que morrer coma un can». Xa daquela se dicían este tipo de frases sen resistencia a unha análise lóxica, co obxectivo maior de acadar a superioridade moral, cando non mediaban tamén outras emocións embrutecedoras: é moi improbable que o pirata se tivera deixado prender se tivera opción real do contrario, e moito menos que gustara de estar preso. Antes xa caera niso a nai de Boabdil, di a lenda. Díaz tamén o fai cando menciona estas loitas de egos, esta «masculinidade». Quere dicir concurso de medir carallas e impídello o protocolo, como a lucidez lle impide ver que, na política e na vida, carallas todo o mundo as ten, mesmo ela, e os únicos que teñen o valor de ser indiferentes á lonxitude da propia non están en política e sufren na vida.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s