Un filme kitsch

Foto: PIRO

No poliziotesco setenteiro Milano Calibro 9, baseado nun libro de Giorgio Scerbanenco, hai un comisario de policía que sería un Harry O Sucio en modo máis realista. É o encargado de seguirlle os pasos a Ugo Piazza, un sicario da mafia acabado de saír de prisión, a quen ó tempo lle seguen os pasos os seus antigos compañeiros. Tanto o comisario coma os mafiosos están convencidos de que roubou 300.000 dólares da súa propia banda, ocultounos e cometeu despois un atraco a unha xoiería con torpeza premeditada, para que o pescaran e o meteran no caldeiro.

Este comisario, que non ten nome sequera, indígnase perante a soa idea de amosar a mínima humanidade cos delincuentes presos. Entende que se o son é porque o son e xa está: estopa con eles e máis nada; el é policía, non sociólogo. Na comisaría hai outro comisario, este con nome, Mercuri no orixinal, Fonzino segundo as dobraxes ianqui e castelá. A diferencia do outro comisario, de maneiras bastas e linguaxe de cuartel, Mercuri parece un profesor universitario un algo á esquerda da socialdemocracia. «Estamos anticuados», dille en ton suave ó seu colega. «Encerramos ós criminais e deixámolos desamparados». Cuestiona o trato que se lles dá a estes nas prisións italianas, que, opina, non facilita a súa reinserción social, antes ben o contrario. O outro comisario replícalle se é que coida que habería que facer coma en México, levarlles putas ás celas para que estean máis contentos. Elocuente, penso.

Teñen varias discusións deste tipo durante toda a metraxe. Nunha, Mercuri explícalle que o importante, máis ca prender ó Americano (o Mikado, en inglés e castelán), o líder da banda da que é parte Piazza, que se dedica ó lavado de diñeiro en Suíza, é prender os seus clientes, os millonarios italianos que provocan o empobrecemento do país mediante tal evasión de impostos. O outro comisario replícalle con suficiencia «Que ten vostede contra os ricos?». Cando Mercuri, noutra escena, trata de explicarlle que os delincuentes de Milán son na súa meirande parte inmigrantes do sur, sen formación, que viven en pésimas condicións e teñen pouca expectativa vital máis co crime, o comisario interrómpeo con fastío: «o mesmo conto de sempre…».

Estas escenas conforman unha trama alternativa á principal, o xogo do gato e o rato entre Piazza e os homes do Americano. Tendo presente que é, coma os máis do subxénero, un filme kitsch, sen ínfulas intelectuais nin pretensión de denuncia social ningunha, non tería sentido. Tamén o pensaba o propio director, que con todo decidiu conservalas pola boa actuación dos dous actores, Frank Wolff no papel do comisario fascista, Luigi Pistilli no de Mercuri. Isto, como digo, carece de lóxica. Si que a ten o destino final dos dous comisarios. Mercuri acabará sendo trasladado ó rural, «para correr tras dos ladróns de galiñas», ri o comisario fascista, «mentres eu, que son todo o anticuado que vostede queira, sigo aquí». Ese final é coma a vida mesma.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s