O principal

Foto: Anne Marie McCormack

Elisa Levi, escritora, seica ficou indignada cando coidou entender que o xornalista que a entrevistaba a citara nun bar «de fachas». Ía dicir que ten 27 anos e coñéceselle. A realidade é que armar un cristo (ela non, que eu saiba) no nome do accesorio e deixar nun curruncho o principal é costume que non discrimina por idade, e se cadra por ningún outro criterio. É o que a sociedade leva tantos séculos a facer, coas consecuencias que se están a ver.

Son complexos que un deixa aparte cando chega á idade na que manda a comodidade. Xa teño falado diso. De como se supón que só debemos estar onde estean os «nosos»: os da nosa clase social, os da nosa ideoloxía, ultimamente (se se prestara atención a certas insinuacións delirantes de certos barra as individuos barra as que non se atreverán a falar claro na peixería ou no bar) mesmo os do noso sexo… Tamén eu antes marchaba ou evitaba os lugares nos que algúns, moitos, entendían que non debía eu estar. Se me guiara hoxe por esta vontade colectiva, o único no que atoparía acomodo máis de consciencia ca de corpo sería o pendello de bloques de formigón negro do chamusco que hai por tras da igrexa.

Un deixa atrás estes complexos por moitas razóns, e por unha en particular: ás veces, un coche a demasiada velocidade pasa demasiado preto ou, outras, parece que o corazón se lle revolve no peito de mala maneira. E daquela, se sucedese o que un día sucederá, onde quedarán as «nosas» ideoloxías, as «nosas» clases? Onde quedará o tempo que non hai? Carallo.

O principal non é se nun lugar están ou non están outros. É se estás a gusto ti.

Anuncio publicitario

Improbables lectores barra as

Foto: Les Bohlen

Unha vez dixo un xornalista que Cid Cabido podería ser o Manuel Rivas da literatura galega se el quixera. Con frases así, diríase que a un se lle ergue por vontade propia unha cella en aceno de incredulidade. Custoume crer que tal teoría tivera fundamento, agás se por Cid Cabido «querer» se entendera unha súa transformación literaria completa e drástica: que Cid Cabido «mutara» nun Manuel Rivas. Rivas son os Beatles e Cid Cabido é Moondog. Demasiado ancho me parece ese río para o atravesar dun chouto.

Segundo certo lugar común, as mulleres len literatura escrita por homes e por mulleres, mentres que os homes do segundo len máis ben pouco. Acho certas as dúas afirmacións na súa xeralidade, se ben cómpre, para que non queden en medias verdades, afondar un pouco. Antes de nada, hai que ter en conta que o motivo principal para moita xente ler un libro non é aquel que debera ser: o da afinidade literaria, o do pracer. Lese moito, por contra, por obriga, por recomendación e mesmo por socialización a nivel máis ou menos consciente. Xa non falo do motivo, algo emparentado con este último, da atracción que causa a fama do autor ou o luxo da edición ou a potencia da promoción. Conste, pois, que cando eu falo dun lector non penso en quen vai facer unha recensión, un exame ou unha tese sobre a obra, nin en quen a le porque é un «clásico imprescindible» ou porque lle dixeron que se pasan 104 páxinas sen sentir, do entretida que é. Falo de quen ten coñecemento profundo para supoñer que lle vai prestar o que le, mesmo que se vai identificar con algún personaxe ou, en todo caso, coa idea principal.

Baseándome no anterior, non creo que ninguén lea calquera obra escrita por calquera, sen facer distinción subxectiva ningunha. Non é certo que as mulleres lean obras de «homes». Non teño datos para converter conxectura en feito, pero diría que Céline, Bukowski ou o propio Cid Cabido, por citar tres, se algunha lectora que coincida co perfil explicado terá, de ben pouca compaña poderá presumir. Igual, salvando as distancias considerables, sucederá no cinema cos filmes de Vin Diesel ou na música co heavy metal. Tamén é certo que os máis dos homes pouca obra de autoría feminina lerán por gusto, supoño que por unha cuestión de lóxica, aritmética e historia, e porque poucas escritoras haberá que falen de algo co que se poidan identificar en verdade, asunto este no que o «cultural» lastra o razoamento. Hai hoxe bastantes escritores que tratan de interesar ás súas lectoras potenciais con efectividade desigual e resultados ás veces algo «singulares», talvez porque meter protagonismo feminino a machete, a rentes ou entrando no panexírico de xénero algúns, pode ser o camiño cara o éxito comercial, mais non necesariamente cara o literario. Á inversa non adoita ser así hoxe, unhas veces porque se pretende facer máis un exercicio de concienciación social ca contar unha historia cunha certa sutileza, outras porque (e isto vale tamén para os Céline e compaña), simplemente, a experiencia persoal pesa moito no papel e se escribe sobre o que mellor se coñece.

Aínda que coido que aquí a cuestión non é que caste de lectores lean que caste de obras de que caste de escritores senón o que apuntou o outro día certo e detestado autor supervendas: que agora a xente mata o tempo nas salas de espera «co carallo do móbil». Non convén esquecelo tampouco.

Os fillos dos zombis

Hai case un ano, penso, falaba aquí do terror que semellaba acrecentar o impulso irracional en tanta xente a causa do risco de contaxio por coroavirus: de como á porta de cada tenda e de cada farmacia e de cada libraría que non puidera permitirse unha capacidade mínima de tres cifras se amoreaban unha especie de zombis unicamente animados por unha paranoia que anulaba de tal xeito o xuízo que a meirande, mesmo esaxerada precaución se lles facía imprudente. Sei ben que «zombi» é palabra que pode soar pouco axeitada, despectiva incluso neste caso, mais non é tal: para min, un humano que ve reducidos a nada os seus sentido crítico e agudeza mental non é demasiado distinto dun envase baleiro dotado de mobilidade e fala. Pois, tanto tempo despois, a falta de información por unha banda e o exceso dela distorsionada polo outro manteñen estes zombis en pé. Tanto tempo despois, coa práctica totalidade da poboación vacinada e cun ascenso máis ben moderado dos contaxios (que non da mortalidade por causa viral) que probablemente se dará nestas datas cada ano a partir do presente, oio nos currunchos e nos portais que «din uns expertos que a máscara aínda se debera manter ata finais do vindeiro ano, por se acaso…», dito con ese ton de moi lene triunfo habitual en quen ve confirmados os seus máis intensos, se ben non de todo razoables temores.

O anterior non o oio nos bares, e seguramente tampouco o oiría nos pubs se fora a algún, pois alí os zombis son diferentes, ó estaren animados por outra caste de impulso irracional que se adiviña no seu costume de usar a máscara en interiores a xeito de babeiro. Tamén anima este impulso ó paisano que esta mañá, na tenda onde estaba eu comprando un molete de trigo do país, tivo a interesante ocorrencia de querer comprobar mediante o tacto se os chanfainos expostos nun cestiño á outra banda da pantalla transparente eran tan bos como a dependenta afirmaba. Ela, non ben este exemplo de sexa/septuaxenario autóctono meteu a pouta polo burato a través do que pasan cartos e mercadorías, arreoulle nela unha pancada e reñeulle amigablemente. Talvez fixo as dúas cousas porque batera coa miña ollada divertida. O autóctono, pola súa banda, lonxe de calquera aceno de agresividade en represalia por ver limitados o que debía entender que eran os seus dereitos de consumidor, preguntou, inseguro, como había sabelo sen apalpar. Resultáballe inconcibible, supoño, que ser tan cocho como sempre debía ter sido fora agora, de súpeto, algo reprobable.

Talvez eses zombis xa non poidan volver ser humanos. Queda esperar que os seus fillos, ademais de aprender a pagar as facturas e os cubatas, aprendan a pensar e a vivir. Que aprendan o equilibrio.

Os espías inxenuos

Foto: Igor Ovsyannykov

Seica foi Nigel West, seudónimo de certo ex-político conservador británico e autor de libros sobre espionaxe, o que afirmou unha vez que un descoido moi frecuente nos espías masculinos, entendo que reais, que podía chegar a ser fatal no tocante á misión que se lles encargara era o de coidar que toda muller que se lles achegara e manifestara decontado unha ardentía sexual cara eles era sincera. Quen se coidaba sedutor podía moi ben estar a ser seducido sen sabelo.

Oín tal comentario o outro día na radio. Era unha mañá de fin de semana, penso, e igual resulta que non estaba un aínda moi espelido. O caso é que se me fixo inconcibible que algún profesional desa caste se deixase enredar en procedementos máis propios do Pornhub ca de Matahari (pois, obviamente, esas mulleres adoitan traballar para o inimigo). Ben sabemos que non teñen por que ser tan fríos e impasibles coma os do papel ou da pantalla, mais deberan estar dotados dunha perspicacia meirande cá da media. Nin sequera eu, que cheguei a ser moi inxenuo de novo, caín nunca nesa trampa. Aínda lembro aquela moza do instituto, das que estaban case sempre fumando á porta, que un día me dixo que quería saír comigo ou algo así. Nin sequera sabía o meu nome (que eu saiba) nin eu o dela; nin tiñamos cambiado unha soa palabra ata daquela. Eu ignoreina coa calor no pescozo e seguín camiño. Outro día sentina comentar con alguén, cando eu pasaba, que eu estaba «zumbado» ou similar. Se unha persoa á que hai dez minutos que coñeces che declara amor incondicional, ou son palabras nada meditadas, ou é un engano. A vida real, case sempre por desgracia, non é unha novela nin un filme.

E porén non é tampouco tan estraño, se se pensa, no tempo actual. Hoxe, fóra do discurso oco, recoñecer as propias limitacións considérase pecado mortal, xa non só polas mociñas de instituto. Os «zumbados», sequera por lucidez, deberían ter moita demanda nas seccións de recursos humanos dos servizos secretos mundiais.

As caras verdes. O meiquin of.

As caras verdes é a última novela que escribín. Non digo a derradeira porque nunca se sabe, mais, de momento, sigo retirado da narrativa longa en galego desde o día que a rematei, hai case tres anos hoxe, en novembro do 2018. Creo que, coma Fisterrania, é en boa parte produto dun “capricho”: Fisterrania, o de escribir sen a menor pretensión de transcendencia; As caras verdes, o de escribir a miña primeira obra longa adscribible ó xénero fantástico. É curioso que sexa a primeira en vinte e tantos anos que levo de escritor porque son temas dos que sempre gustei moito como lector e espectador, sendo, en cambio, incapaz de tocalos como narrador alén de formatos de pouco paxinado. Talvez me deixei levar polas particularidades deste chamado sistema literario, que tolera o fantástico, na súa variante adulta, no aspecto “museístico” da cuestión (que se Fole, que se Risco: a tradición, vaia) pero adoita rexeitalo se o autor é menor de noventa e cinco anos, e cando non, observa un concepto del cualificable de peculiar, cando menos, coma certas marcas comerciais de alimentación observan o de “froita” nos seus produtos procesados: contido de froita, 3 por cento; de fantástico, non moito máis. Talvez caín na desesperanza, pois. A un autor en galego isto nunca se lle pode reprochar, penso.

As caras verdes é a historia dun cambio repentino global e brutal, por unha banda, e a da posibilidade dunha vida mellor dentro dese caos para dúas das persoas que inicialmente foron vítimas del. Destrución e renacemento ó tempo. A ficción leva décadas a fantasear coa apocalipse, é ben sabido. Cando o que importa nesas ficcións é o elemento fantástico, polo común na historia manda o técnico, ás veces mesmo o didáctico. Outras veces, é simplemente un The Walking Dead máis ou menos profundo. Eu, pola contra, sempre pensei que, se algo así chegase, había suceder sen máis, sen explicacións, sen plans elaborados. Aquí, a carraxe vira verdes as caras da xente, e negro o seu sangue, e animais as súas almas. E por que? Ninguén o sabe. Tampouco os protagonistas, que non teñen ansia de investigar. As prioridades son a conservación da propia vida e a procura dun lugar seguro canda quen máis conta. Marcos e Noa, parella ás agachadas sen futuro nesa civilización, ven a posibilidade dun novo comezo cando aquela desaparece, e canda ela as leis, deberes, servidumes e renuncias. Como viviron soportando a violencia para moitos nada evidente que a sociedade exerce contra eles e mesmo se acabaron virando contra ela á súa maneira, este novo e fero mundo non lles será tan malo de tolerar coma a outros individuos socialmente adaptados ó anterior. Tamén hai na novela personaxes, policiais por non dicir marciais, para os que este rebumbio terrible non representa máis ca un medio de expresión dos propios instintos ata daquela reprimidos: sen esas leis, deberes, servidumes e renuncias, poden ser tan terribles como lles pete sen que isto afecte á súa reputación nin lles supoña un proceso xudicial ou expediente disciplinario.

Á hora de narrar algo que na vida real pode parecer tan complexo coma a desintegración case total do que coñecemos, un escritor pode optar por unha certa simplicidade. É o que adoito facer e o que tamén fixen aquí. Creo que xa temos ladrillos con cento tres subtramas dabondo nas librarías. Quixen explicalo todo como se o lector puidera ver polos ollos dos protagonistas a estrada que eles van percorrendo. Entendo que é así como a literatura debe ser.

Unha vez máis, edito con Amazon, e unha vez máis en dous formatos, Kindle e papel. Desta, non deseñei eu mesmo a capa, ó atopar nas predeseñadas do sistema unha que melloraba todo o que eu puidera querer expresar a golpe de Inkscape. É unha capa con ese ar minimalista, case artesanal, tan propio da edición galega dos 70 da que gustei ó momento. As letras semellan trazadas a pulso e o fondo pintado a pincel, todo con esa mesura daqueles artistas conscientes de que a tarefa non era axeitada para un exceso vangardista. Coido que lle presta moito á novela.

Coma sempre, ofrécese para a curiosidade e para o goce de espírito.

Descarga