Outro home á procura de vinganza

revenge-1846274_1280

Fala a actriz Ellen Page nunha entrevista recente, a conto da homosexualidade e da visibilidade que poida ter no cinema, da necesidade existente (entende ela) de “novas historias”. Engade que o que non quere ver é outra “dun home á procura de vinganza”.

Non fun nunca da opinión de que mesturar socioloxía e arte dea bo resultado. Tampouco de que a segunda deba ofertar un retrato fiel da sociedade, cando consiste en deformar esta última. Proba disto é, por exemplo, a caracterización dos personaxes no thriller estándar moderno, obedecendo a estereotipos sen correspondencia habitual coa realidade, a pouco que se bote unha ollada lúcida á experiencia persoal de cadaquén. Tampouco da moda de cada momento, pois coido que a arte ben feita está moi por enriba disto. E xa deixei escrito máis dunha vez aquí o que penso acerca da militancia ou activismo de calquera clase en relación con ela. Indo ó que di a señora Page, das súas explicacións infiro que reclama máis protagonismo de personaxes homosexuais para que o común da xente acabe por observar tal orientación coma algo perfectamente normal e cesen certos comportamentos irracionais. Ben. O malo é poñerlle cancelas á historia. Parece un defecto secundario. Non o é.

Sobre non querer outra historia sobre un home á procura de vinganza, se se tratara do perfil típico de home de acción doutro tempo, tan pétreo en case todos os sentidos e moralmente invulnerable, concordo nese fastío. O máis do que eu escribo, de feito, e sen se adscribir ó xénero sempre, non é precisamente lento de ritmo nin baleiro de acontecementos, mais os meus personaxes masculinos non son nada planos: teñen medo e problemas e traumas e debilidades. Doutro xeito, non lles vería o interese. Por iso tampouco llo vexo á nova versión (aplaudida mesmo polos que torcen o bico perante case todo) de Un home á procura de vinganza: Unha muller/un negro/un gay á procura de vinganza. Porque a tendencia é a repetir o esencial cambiando o accesorio. É comprensible se o fai a industria, claro: persegue o rédito. Que tal cousa pase por aceptable ou novidosa a ollos en teoría máis esixentes, xa non tanto.

E acerca non dos personaxes senón da historia, hai que dicir que, gustemos moito ou pouco dela, seguirá a contarse. Naturalmente, podemos quitarlle espazo chamándolle obsoleta ou esgotada e poñer no seu sitio outras talvez máis “transcendentes” en aparencia, algo que xa se leva tempo facendo, pero alguén á procura de vinganza é algo que sempre atraerá. Por moito que queiramos xogar a correr polo labirinto adiante, os impulsos humanos tiran todo dereito e botan abaixo os seus muros.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s