Onde Anthony Steffen coñeceu a Frances McDormand

Eu mirara Three Billboards Outside Ebbing, Missouri, alias Tres anuncios a las afueras, bastante antes cá multitude de opinadores que xurdiron nas últimas semanas. Desconfiei da súa unanimidade laudatoria como sempre desconfío nos últimos tempos, e con fundamento, se ben dubidaba se non a tería eu mirado sen prestar a atención necesaria. Repetín. Non variou a primeira impresión. Tiña dito por aí que me parecía un filme de protagonista falso, pois o verdadeiro, no sitio do personaxe de Frances McDormand, era o conxunto dos secundarios. Non me sorprende discrepar da maioría como non me sorprende ter que botar man do coitelo para quitar unha tallada do bolo de centeo ó xantar. Despois aparecerían outras opinións igualmente diferentes da máis estendida, estoutras tirando polo terreo da corrección política, non así a miña.

Non me parece errado que o filme abunde en clichés e inverosimilitudes. É o que ocorre con case todos. A inverosimilitude con frecuencia dá pé a un desenvolvemento da historia que non se daría se todo sucedera coma na vida real; sábeo calquera que as escriba, na forma de guión, de novela ou do que sexa: se a scream queen non cometera ningunha estupidez, mataría ó asasino ós vinte minutos de metraxe e aí morrería o slasher. No tocante ós clichés, son inevitables. Por unha banda, é difícil que o espectador empatice con personaxes que podería atopar demasiado distantes, e pola outra, é iso ou non alcanzar un público amplo dabondo para que teña pagado a pena o lanzamento do produto.

Si que hai, con todo, un cliché e inverosimilitude que lle dá a un na sensibilidade coma unha brochada de pintura verde fosforescente sobre un fondo de cor negra chapapote dá nos ollos. É a propia e aparente protagonista. Frances McDormand é unha actriz que sempre cumpre. Aquí tamén. Dixéronlle que tiña que facer ese papel, leu o guión, preparouse e fíxoo moi ben. O problema é que o papel é de deseño máis ben cativo. Mildred Hayes é unha muller que volve ó lugar no que lle desapareceu unha filla sen se comportar coma tal en absoluto. Pola contra, lembra a un xusticiero de spaguetti western tipo Anthony Steffen: fáltalle o revólver ó cinto, o vasiño de whisky no saloon e a barba de días. As poucas falas xa as ten, e se creba o mutismo é para lle pasar polos nefres á vila enteira a súa sobreentendida superioridade moral, cunha pose dignísima, iso si, sen a pomposidade do cura ou do xefe de policía, porque non é coma eles, faltaría máis. Cando entra na axencia de publicidade para contratar os valados publicitarios, non descartaba eu que acabara por lle turrar a alguén polos collóns, fisicamente. Manda carallo que teña que ser na escena na que seu ex marido ameaza con lle andar no lombo cando por primeira vez pareza unha persoa coa pena negra agarrada na alma coma unha pulmonía. Ou para que pareza unha persoa, sen máis.

É cliché e é inverosímil a un nivel que penaliza. Na escena do restaurante, o anano James (Peter Dinklage), farto do seu desdén máis ou menos comedido, bótalle fervendo á cara que nunca corresponda a quen se achega a ela cun sorriso ou unha palabra amable, que nunca mude ese ar de perdoavidas. Esa é a cuestión: que é moi improbable entrar nun lugar con semellante actitude e acabar levando a todo o mundo ó rabo coma cans mansos sen haber motivo para a chantaxe colectiva. A personaxe de Mildred Hayes é sincera e pueril. Parece dicir: “sen caralladas: dádeme o que quero e, por min, que vos trague o demo a todos”. O final corrixe un pouco este defecto.

As Mildred Hayes, por moito que se guste de vendelas envoltas na épica, son a personificación de tantísima xente con moi baixa tolerancia á frustración que quere o que quere e quéreo xa, sen consideración nin dó de ninguén máis; como moito, como fai ela con James, facendo a concesión de non desmentir con claridade a súa falta de interese mentres a outra persoa poida ser de utilidade. Porque a única dor que conta é a que se sinte.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s