Os que falan dos premios por propio interese

Nun cuestionario publicado recentemente en Sermos Galiza, formulábase unha serie de preguntas a varios personaxes destacados disto que chamamos literatura galega, a propósito dos premios literarios e a súa función no que chamamos sistema. Este cuestionario recibiu unha réplica ben interesante de Eva Moreda no Biosbardia. A min, aínda que non tanto coma a outras persoas, chamoume a atención en particular unha resposta de Francisco Castro, escritor e cabeza visible da Editorial Galaxia, que dicía algo así coma que “quen se queixa dos premios literarios adoita ser quen non os gaña”.

Digo que non me chamou tanto a atención porque imaxino que Castro se expresou de forma mellorable. Sempre me pareceu home que se coida moito de gardar as formas, sendo como, por exemplo, foi blogueiro afable cando no Blogomillo se estilaba a ironía corrosiva. É probable que, no medio de algo tan insulso e predicible como por norma son este tipo de cousas, quixera deixar caer un comentario desenfadado e lle faltara ser algo máis explícito.

Sería difícil que transmitira unha idea que (e, tampouco nos enganemos, sempre estivo aquí e valeu para xustificar auténticas falcatruadas e imbecilidades de consecuencias terribles) é, ademais de pouco afortunada, demasiado mundana para proceder de onde procede desta: a de que canto fagamos está ben e que toda crítica que recibimos se debe á envexa, e que polo tanto aquela carecerá de valor. Resultarían verosímiles estas palabras na boca dun construtor brutallán dos bos tempos do ladrillo, nunca na dunha persoa culta como é Castro. Como digo, eu aí leo apenas unha broma sen mala intención.

Esta teoría tan popular, tal e como está formulada, deixa aparte un detalle fundamental. Quen cuestiona algo é porque non se ve beneficiado por ese algo, seica. Vexamos: Poñamos que me vexo obrigado a tomar un café cada día no mesmo bar, e resulta que alí usan solimán no sitio de café. Poñamos que non me podo ir a outro bar, ou que eu podo ir a outro bar pero non quero, porque gusto dese bar. Pois ben, cando volvan obrar de forma cabal e usen café no sitio de solimán, deixarei de protestar por iso. E si, pasar de beber solimán a beber café resultaráme beneficioso, por descontado. Penso que a lóxica dos meus actos tería moi difícil discusión.

De máis estará explicar, supoño, que un xuízo desfavorable do traballo ou decisións dunha persoa non é necesariamente erróneo, mesmo se quen o emite poida verse motivado a facelo por propio interese.

Eu emito xuízos por propio interese. Confésoo. Déronme varios premios nestes anos, nunca sabe un se por erro, pero aínda así teño interese. É aquí onde vou estar, este un idioma no que penso seguir a escribir, e pretendo que a tenda estea arranxada con xeito, que as contas se fagan sumando ben os decimais e que a mercadoría sexa de boa calidade para que, con algo de sorte, agrade ó cliente, e así me beneficie eu. Falei coma un construtor brutallán, mais ben nos entendemos.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s