Eu quero crer (pero non nas actas dos xurados de premios)

Din que nos máis dos casos de asasinato, o culpable é o sospeitoso máis evidente. Algo así pensei cando vin a mensaxe dobre que devolvía a páxina web: en galego, “A súa mensaxe foi enviada”, para a seguir indicar en inglés xustamente o contrario, por problemas técnicos, seique. Mesmo resultado logo de varios intentos máis. A web era a do organismo convocante de certo premio literario no que tiña participado, ó envío das bases do cal estaba eu subscrito, polo que se vía agora, por partida dobre. Escribíralles para lles comunicar a duplicidade e para que polo menos aforraran un sobre de papel do careiro. Organismo e web eran moi galegos. Naturalmente. Notaba que algo así sucedería conforme enchía os apartados do formulario, pero quixera crer que por veces era certa esa crenza actual que move ós seus defensores a ergueren o dedo, poñeren expresión suspicaz cando un proclama a obviedade dun feito ou idea e retrucaren, cariñosos e displicentes: “Iso é o que ti pensas”.

Tamén gustaría de que así fose cando penso na propia utilidade, quitando a económica, de me presentar a ese ou outro premio. E de novo a obviedade esmagante. Hai pouco lin a acta do xurado dun de pouca antigüidade, na que se proclama como mérito para a concesión do mesmo o caracter non sei se antibelicista ou pacifista ou cousa polo estilo da obra premiada. A súa lóxica non dista moito da do minusválido que hai media hora teimou en meter a súa cadeira de rodas polo terzo de acera que ocupaba eu, ignorando os dous terzos que lle deixaba libres na banda esquerda, que por enriba era a máis segura, contra os edificios. Eu quero crer, como dicía o cartel do despacho que compartían Fox Mulder e Dana Scully en Expediente X. Os tempos teñen sido, desde hai xa moito e ata o momento presente, en calquera sentido, inimigos de toda contención no tocante a brincar por enriba do valado que mantén o grotesco distanciado deste mundo. Sempre me digo que isto terá que rematar algún día. Igual que os cativos medran e deixan de saltar por enriba dos valados, algún día terá tanta xente que reparar no incoherente dos seus actos e teorías, e pararán. Deberan facelo por algo tan humano como é o razoamento, sequera. Pero a realidade hoxe son as listas de ingredientes de calquera produto de supermercado: algo vago e susceptible de significar calquera cousa que a quen le se lle antolle.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s