Foto: http://www.eldientedeltiempo.org
Contou a filla dun recentemente defunto Home Moi Importante desta cara escura da lúa galega que compoñen as provincias de Lugo e Ourense da vez que, aínda sendo nena, seu pai lle impuxo a tarefa de ter conta da caixa rexistradora dunha cafetaría. Pois o caso é que a cativa, por unha falta de centímetros moi común ós seus anos, non lle chegaba á caixa. Foillo dicir ó pai, que lle respondeu, presumiblemente sen se inmutar, que tanto tiña, que o fixera igual.
A muller explicaba que así era como facía seu pai as cousas. Intúo unha porcentaxe nada escasa de orgullo na afirmación. Non se lle pode negar que o conto di moito do xeito de facer as cousas noutros tempos. Ignoro de que cafetaría se trataba, que ela non o especificou, mais imaxínoa fedendo ó fume de Celtas. E imaxino á cativa alí, entre señores coma seu pai, que se foran xenerais na guerra te mandarían alén dos parapetos sen casco e cunha botella de augardente na man e coidarían, supoño, que, se chegado un punto non dás para máis non é pola limitación que implica a condición humana por lei natural, senón porque non queres dar para máis ou non acadas a dignidade precisa para chegar a ser Alguén Na Vida.
Talvez eu sería un pai pésimo se algún día se dera a conxunción de prodixios que sería precisa para tal, mais penso que, no sitio del, eu teríalle procurado á cativa actividade máis axeitada para a súa idade ou, se ela quixera ter conta da caixa, poñeríalle sequera un tallo.
Está claro que nunca a nada chegaremos.