As paixóns moderadas

lynx-2656154_960_720

A cantante Sés afirma ser “moi fan” do reguetón. Entende que a reticencia de bastante xente ó subxénero se basea no anacrónico: non lles presta porque é un son da xente nova. Coida que se lle pon a etiqueta de machista coma se o rock e outros xéneros non o foran. Ata aquí, nada que saia do común: é o que calquera que estea suxeito as normas do marketing e teña aspiracións de gañar a vida enriba dun escenario hoxe dirá en tal situación. Engade, e a isto xa lle noto o seu perigo, que prefire que a súa irmá cantaruxe “me gustan más grandes” ca “sin ti no soy nada y me quiero matar”.

En Rashomon, o filme, unha muller lamenta moi amargamente e reprocha ó seu amante que non perda o xuízo por ela. Non lembro se era así na noveliña de Akutagawa. É sabido que Kurosawa non foi precisamente un purista no tocante á literalidade da adaptación; comentaba el mesmo que había quen lle viña preguntando pola mensaxe da mesma, ó que se limitaba a contestar que non todo tiña por que estar claro no cinema e, dou por suposto, tampouco na vida. A muller do filme ve falta do amor preciso nesa cordura. É unha esaxeración: é arte, e dentro dese contexto debe entenderse.

Así e todo, acho a figura desa muller realista, non tanto por mor do seu certo fundamentalismo sentimental, que tamén, coma pola incapacidade para dominar a súa paixón. Porque, se de algo se pode ter certeza no tocante ás paixóns, é de que son ingobernables. Non se sabe cando nin como, pero acabarán por saír do rego. En cambio, hai quen semella pretender o contrario. Coma eses enxeñeiros cretinos que no apoxeo do ladrillo desviaban cursos fluviais para erguer chalés nos leitos desecados, supoñen realizable a instalación hipotética en cada paixón dun regulador de intensidade manipulable á vontade. Iso se o que se procura en verdade non é a abstención de caer nelas. Esta teoría lembra igualmente á deses “expertos” e dos seus acólitos que recomendan a quen padece unha desgracia un abandono inmediato da tristura, mediante a autoaxuda ou mediante a química, coma se fora antinatural sufrir en profundidade algunha vez na vida, con frecuencia moitas.

Parece mentira, pero era Charles Bukowski o que dicía esa frase que teredes visto por aí adiante, algo así coma “Cando ninguén te esperta pola mañá, nin agarda a túa chegada pola noite, e podes facer o que che pete, iso é liberdade ou é soidade?”

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s